A Deputación pon en marcha o programa “+Convivencia” coas primeiras saídas de entidades a Vigonature e á Illa de San Simón

Un grupo de 93 persoas da ANPA do CEP Dr. Fleming de Vigo visitará o antigo zoo da Madroa e 35 integrantes da Asociación Down Pontevedra “Xuntos” coñecerán a Illa de San Simón

23/05/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este sábado o novo programa “+Convivencia”, coas primeiras saídas de entidades de Vigo e Pontevedra.  Neste caso serán un grupo de 93 persoas da ANPA do CEP Dr. Fleming de Vigo que visitará Vigonature, o antigo zoo da cidade olívica, e outro de 35 persoas da Asociación Down Pontevedra “Xuntos”, que será recibido pola deputada de Benestar Social Sandra Bastos á súa chegada ao porto de Vigo para tomar o barco cara a Illa de San Simón.

+Convivencia”, dotado con 220.000 euros, ten por obxectivo que entidades sen fins de lucro da provincia compartan experiencias e creen espazos de participación ao tempo que coñecen o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. O programa provincial oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.