A Deputación avanza para situar a Estación Fitopatolóxica de Areeiro como referente internacional para os sectores agrícola, forestal e natural

Este xoves visitou o centro un grupo de docentes do francés Lycée Pierre Le Roy de Boiseaumarié Château Mongin, co que se prevé poñer en marcha proxectos de investigación

06/06/2024

Tourís co profesorado de Francia

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, avanza no seu posicionamento para expandir internacionalmente o seu labor e converterse nun centro de referencia mundial para os sectores agrícola, forestal e natural. Este novo paso tivo lugar este xoves, despois de que un grupo de docentes do Lycée Pierre Le Roy de Boiseaumarié Château Mongin, situado na localidade de Orange (Francia), participasen nunha visita guiada ao centro na que estivo presente o deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier Tourís. Previamente o centro xa espertou o interese doutras institucións procedentes dos Estados Unidos e de Portugal.

Deste xeito, a Deputación de Pontevedra e o instituto francés avanzaron na súa intención de asinar un convenio ou algunha outra vía de colaboración para a posta en marcha dun intercambio de proxectos de investigación levados a cabo por persoal de ambas as dúas partes.  Neste eido, Tourís puxo en valor o traballo que desenvolve este “centro de investigación punteiro da Deputación de Pontevedra que poñemos á disposición dos sectores agrícola, forestal e natural da nosa provincia” do que o grupo francés destacou o seu “elevado nivel de investigación en viticultura”.

O deputado provincial tamén recordou que o persoal técnico de Areeiro traballa, entre outras cuestións, no recoñecemento de pragas e enfermidades dos cultivos, así como na execución de medidas para combater as doenzas que afectan as especies vexetais e que supoñen grandes perdas para o sector primario da provincia. Creado en 1981, o seu obxectivo principal é ser unha liña directa de asesoramento cos agricultores, persoal técnico e outros centros de investigación, para así poder ter e ofrecer unha visión real e actualizada da realidade agrícola e forestal da provincia.

Visita de representantes de colectivos de Vilanova de Arousa a Areeiro

Ademais da visita do grupo de profesores franceces, o deputado provincial tamén recibiu a representantes de asociacións de Vilanova de Arousa. Neste eido, Tourís subliñou a importancia que Areeiro ten para a comarca do Salnés, dada a axuda que presta aos produtores de viño con iniciativas como as inspeccións regulares a viñas e os avisos fitosanitarios durante toda a campaña.

Galerias de imaxes