A Deputación concede preto de 70.000 euros a Caldas de Reis para mellorar as instalacións do campo de fútbol das Corticeiras
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 3,8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
28/06/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe unha nova achega para o Concello de Caldas de Reis de preto de 70.000 euros. Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que permitirán ao concello mellorar as instalacións do campo de fútbol das Corticeiras. “Con estes recursos - tal e como explicou o presidente provincial, Luis López- temos xa distribuído 3,8 millóns de euros dos 4 aprobados no marco deste Plan, que está a transformar, como nunca antes se fixera, os equipamentos e dotacións para a práctica do deporte na provincia”.
Os 68.056 euros que recibe o Concello de Caldas de Reis da Deputación de Pontevedra permitirán realizar melloras que levan tempo sendo requiridas polos usuarios habituais das instalacións. Principalmente, consisten na mellora da cuberta das gradas, que actualmente só é superior, polo que nos días de mal tempo entra a chuvia. Neste eido, procederase a pechar completamente as gradas pola súa parte traseira co obxectivo de aumentar a protección.
Ademais, o Concello completará as obras mellorando o sistema de iluminación do terreo de xogo, que conta actualmente con catro torres de iluminación de 15 metros de altura con proxectores de 407W, que non é suficiente nin uniforme. Para dar unha mellor solución, instalaranse oito novos proxectores, a maiores das torres.