Luis López anuncia que a Deputación vai destinar 460.000 euros neste 2025 a promover a igualdade e loitar contra a violencia de xénero na provincia
260.000 euros irán dirixidos aos concellos e 200.000 a entidades sen ánimo de lucro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia
17/01/2025
Luis López anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha as axudas destinadas a concellos e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Estas dúas liñas, tal e como explicou López, ascenden a 460.000 euros, dos cales 260.000 irán dirixidos a concellos e os 200.000 restantes a entidades sen fins de lucro. “Este é un goberno comprometido coa igualdade”, asegurou o presidente provincial quen detallou que “con liñas de axudas como estas buscamos un ano máis seguir avanzando neste compromiso, na igualdade e na loita contra esa lacra social que é a violencia de xénero”.
Por unha banda, as axudas para concellos destínanse aos municipios de menos de 20.000 habitantes, para que poidan promover actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. Neste caso, a contía máxima por concello será de 6.000 euros cos que, entre outras cuestións, poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e persoas dependentes ao seu cargo; actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade. Tamén para elaborar plans de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero, crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade e para contratar persoal empregado público especialista en materia de igualdade. Unha vez publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) os concellos terán un mes de prazo para solicitar estas achegas.
No caso das entidades sen fins de lucro, Luis López explicou que as axudas ascenden a 200.000 euros e que cada solicitante poderá recibir ata 7.000 euros. Con estes recursos, poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación e campañas de difusión en materia de igualdade. O presidente provincial confirmou que desde hoxe e ata o vindeiro 17 de marzo xa é posible solicitar estas achegas, cuxas bases poden consultarse no BOPPO, a través da Sede electrónica da Deputación.