A Deputación concede máis de 30.000 € á Illa de Arousa para mellorar o alumeado do campo de fútbol de Testos

Trátanse de recursos enmarcados no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 2,8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

26/05/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello da Illa de Arousa, por valor de máis de 31.000 euros, coa que poderá facer fronte á mellora do alumeado do campo de fútbol Salvador Otero, situado no lugar de Testos. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para os 59 concellos da provincia cun número de habitantes inferior a 50.000.

Con esta nova inxección, o Concello da Illa de Arousa recibirá 31.344,32 € para impulsar nesta instalación deportiva novas medidas de medio ambiente e sostibilidade, tendo en conta ademais que este campo é onde teñen lugar os partidos da categoría preferente galega grupo sur e que é ademais a base do Céltiga Futbol Club desde fai máis de catro décadas. A achega da Deputación permitirá sufragar a substitución dos proxectores actuais por 24 novos exemplares con tecnoloxía LED.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento máis de 2,8 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.