Luis López anuncia a posta a disposición de 165.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro desenvolvan festivais audiovisuais na provincia

Trátase dun 10 % máis que o aprobado polo anterior Goberno da Deputación de Pontevedra

05/04/2024

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases para que entidades sen ánimo de lucro poidan desenvolver festivais audiovisuais na provincia ao longo de 2024. A través desta liña de subvencións, tal e como explicou o presidente Luis López, distribuiranse 165.000 euros, un 10 % máis que o aprobado o pasado ano polo anterior Goberno da institución provincial.

"O que pretendemos con esta iniciativa ―detallou López― é apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos na provincia que lle dediquen especial atención á programación e difusión do cine en galego".  Deste xeito, para beneficiarse desta liña de axudas, os festivais deben levarse a cabo ao longo do ano, durar como mínimo 4 días e incluír, polo menos, 20 proxeccións, así como 5 sesións ou un 10 % de títulos de produción ou dirección galegas.

A axuda concedida a cada entidade solicitante non poderá superar o 50 % do orzamento presentado para levar a cabo festivais ou certames cinematográficos e, con estes recursos provinciais, poderanse subvencionar tanto o alugueiro de espazos e equipamentos para as proxeccións, como gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais e de dereitos de exhibición ou subtitulado de películas. O prazo para presentar solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.