Domínguez consigue irmandar as Bienais de Pontevedra e Venecia para fortalecer relacións institucionais e explorar oportunidades de colaboración

Roberto Cicutto, presidente da Biennale di Venezia, acepta o convite trasladado por Rafa Domínguez para asistir á inauguración da Bienal de Pontevedra

11/10/2024

1ª xornada na Bienal de Venecia

Rafa Domínguez consigue irmandar as Bienais de Pontevedra e Venecia para fortalecer relacións institucionais e explorar oportunidades de colaboración. Deste xeito, Roberto Cicutto, presidente da Biennale di Venezia, acaba de aceptar o convite trasladado por Domínguez para asistir á inauguración da Bienal de Pontevedra. Ademais, neste primeiro día na cidade italiana, a delegación pontevedresa encabezada polo vicepresidente provincial, visitou o Pavillón de España e a Colección Pinault. “Pechamos unha xornada cheos de información e ideas para a programación non só da Bienal deste ano, senón das vindeiras”, remarcou o vicepresidente provincial, que estará en Venecia ata o domingo convidado pola organización da recoñecida mostra italiana.

A delegación da Deputación, na que ademais de Domínguez atópase parte do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra integrado por Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, tivo a oportunidade de coñecer esta mañá o pavillón de España na Biennale di Venezia, un dos eventos máis importantes da arte contemporánea. Nesta visita puxeron o enfoque na curaduría da instalación, nas obras expostas e na propia organización do evento, como inspiración da programación da mostra pontevedresa, da man de Miguel Mallol, o comisario do pavillón español.

Xa pola tarde, a delegación pontevedresa coñeceu a colección Pinault, en Punta della Dogana. Esta visita enmárcase, tal e como informou o vicepresidente provincial, na “vontade de abrir a Bienal á participación privada”. Deste xeito, a colección contemporánea de François Pinault é clave para analizar como as coleccións privadas poden establecer colaboracións con institucións públicas, algo que xa aconteceu no Museo de Pontevedra coa mostra “A era das fábulas”.

Desde que a Deputación decidiu recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, que volverá na súa edición número 32 o vindeiro ano baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, Rafa Domínguez está a traballar para impulsar e captar o talento internacional. En Venecia, a delegación da institución provincial está a establecer sinerxías para seguir traballando no proxecto de reactivación da Bienal de Pontevedra.

Ata a data xa se confirmou a presenza de artistas internacionais destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro, e Miki Kratsman, e está previsto que a Bienal de Pontevedra promova o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.