Domínguez afonda en Venecia nos usos do patrimonio, na xestión de coleccións e na innovación para incorporalos en futuros proxectos en Pontevedra

O vicepresidente provincial xunto con parte do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra tiveron a oportunidade de coñecer o Museo Fortuny, a colección Peggy Guggenheim e a Ocean Space

12/10/2024

2ª xornada na Bienal de Venecia

A delegación da Deputación de Pontevedra na Biennale di Venezia, encabezada polo vicepresidente provincial Rafa Domínguez e parte do equipo comisiarial da Bienal de Pontevedra integrado por Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, acaba de completar a súa segunda xornada afondando nos usos do patrimonio, na xestión de coleccións, no diálogo cultural e na innovación na arte para incorporalos en futuros proxectos en Pontevedra.  Deste xeito, Domínguez tivo a oportunidade de coñecer durante esta xornada o Museo Fortuny, a colección Peggy Gugghenheim e a Ocean Space da man dun do mediador cultural máis experimentado da TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, Davide Tolfo.

No Museo Fortuny a delegación pontevedresa puido comprobar como os espazos históricos poden ser empregados para albergar exposicións contemporáneas. “Para nós é moi relevante, sobre todo para proxectos de recuperación patrimonial como o que estamos levando a cabo en Santa Clara”, subliñou o vicepresidente da Deputación quen tivo a oportunidade de reunirse cun dos directivos da entidade, Mario Fortuny.

Pola súa banda, no Guggenheim realizaron unha análise da xestión dunha colección permanente de relevancia internacional da man do equipo directivo da colección. Neste eido, Domínguez remarcou que “a Bienal de Pontevedra quere beneficiarse destas estratexias de integración entre arte, educación e turismo, elementos clave para impulsar o turismo cultural na nosa cidade e provincia, un dos nosos grandes obxectivos”.

Finalmente a xornada completouse cun percorrido polo Ocean Space, da man do mediador cultural máis experimentado da TBA21 Thyssen-Bornemisza Arte Contemporary, Davide Tolfo, quen afondou no concepto curatorial, no espazo e a historia. Neste espazo, a delegación pontevedra puido ver a performance “Time Smuggler” de Isabel Lewis. “Temos previsto que a Bienal de Pontevedra promova o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza, e sen dúbida algunha, estamos a recoller unha morea de ideas para impulsar o intercambio cultural e iniciativas contemporáneas con impacto e relevancia para o público en Pontevedra”, asegurou o vicepresidente.

Desde que a Deputación decidiu recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, que volverá na súa edición número 32 o vindeiro 2025 baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, Rafa Domínguez está a traballar para impulsar e captar o talento internacional. En Venecia, a delegación da institución provincial está a establecer sinerxías para seguir traballando no proxecto de reactivación da Bienal de Pontevedra que, ata a data, xa confirmou a presenza de artistas internacionais destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro, e, entre outros, Miki Kratsman.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.