#CONCELLOS
Programa de mantemento dos campos de fútbol
Colaboración cos concellos mediante a achega de maquinaria e de persoal
Co obxectivo de recuperar para o conxunto da cidadanía os campos de fútbol da provincia, a Deputación impulsa un programa de colaboración cos concellos mediante a achega de maquinaria e de persoal para mellorar os campos que aínda poden ser recuperables ou ofrecer axuda para o mantemento dos de nova factura.
Con estes medios materiais e humanos poderán realizarse labores de limpeza e retirada de elementos non desexados, descompactación do céspede e/ou da carga para que non perda calidades de amortecemento, cepillado da cuberta artificial para evitar a perda de elasticidade e rozamento e medios para a reposición de area e caucho.
No caso de campos de herba natural póñense á disposición dos concellos maquinaria e persoal para o seu escarificado, picado e sementeira.
Os principais obxectivos que se perseguen coa aprobación deste programa pódense sintetizar en:
- Apoiar os concellos da provincia no cumprimento das súas obrigas en relación coa efectiva prestación dos servizos municipais
- Mellorar a calidade de vida das cidadás e cidadáns dos concellos da provincia de Pontevedra co acondicionamento dos seus equipamentos deportivos
- Manter as dotacións en bo estado para a práctica do deporte en todos os concellos da provincia
Actuacións
Para esta convocatoria vaise poñer á disposición dos concellos, ademais dos elementos de transporte, a seguinte maquinaria:
Para os campos de herba artificial:
- Un tractor, que achegue forza motriz
- Un apeiro subsolador-varredor
Para os campos de herba natural:
- Un tractor, que achegue forza motriz
- Un apeiro picador
- Un apeiro escarificador
- Un apeiro sementador
As actuacións obxecto de colaboración serán as seguintes:
Nos campos de herba artificial:
- Limpeza e retirada de elementos vexetais e corpos estraños que se acumulan co paso do tempo (papeis, follas, tapóns etc.)
- Descompactación do céspede e/ou a carga, con maquinaria especializada que incruste unhas púas de goma vibrantes para descompactar a carga sen danar o pavimento
- Cepillado da cuberta artificial, cun cepillo especial para campos de fútbol de céspede artificial feito cunhas sedas que non danan a fibra e que redistribúen ben a carga
- Receba mediante a reposición de area ou caucho coa axuda da maquinaria especializada
Nos campos de herba natural:
- Escarificado para aumentar a densidade da herba
- Picado da superficie para aireado da terra
- Sementeira
A Deputación de Pontevedra proporcionará a maquinaria específica e a man de obra cualificada para utilizala.
Beneficiarios e requisitos
Poderán solicitar estas subvencións todos os concellos da provincia que desexen acollerse a este programa e que cumpran cos seus requisitos.
Obrigas dos beneficiarios
Precisarase o compromiso, no caso de que sexa necesario, de proporcionar o caucho ou area para a receba co obxectivo de mellorar as condicións físico-deportivas da cuberta artificial.
Do mesmo xeito, a limpeza das quenllas perimétricas de drenaxe do campo e a revisión das xuntas da moqueta artificial correrán a cargo do persoal municipal.
No caso dos campos de herba natural, o solicitante proporcionará a semente se esta fose necesaria.
Deberase avisar a Deputación da data en que rematou a actuación, coa achega de fotografías, para xirar visita de comprobación.
Requisitos
Deberase acreditar a titularidade municipal do campo que vaia ser obxecto das actuacións.
As actuacións tamén poderán desenvolverse en campos sobre os que os concellos teñan un dereito real ou persoal do uso da superficie, coa acreditación desta situación mediante unha certificación da Secretaría do Concello.
Os espazos sobre os que se realizarán as actuacións serán sempre de uso público, requisito que deberá garantir o Concello coa correspondente certificación.