#ADEPUTACIÓNDEPONTEVEDRA
Política de Calidade
O sector público, en xeral, e a Administración local, en particular, deben estar próximos ás inquedanzas da cidadanía e responder con prontitude e dilixencia ás súas necesidades. A implantación de sistemas de calidade na xestión permite acadar este obxectivo, de xeito que se consegue unha maior satisfacción dos usuarios e usuarias e, ao mesmo tempo, se optimizan os recursos empregados e se mellora a eficiencia.
As administracións realizaron un achegamento ás ferramentas de calidade, tendo como referencia a consideración do cidadán como "cliente" receptor dos servizos que prestan. Esta aproximación produciuse desde diferentes enfoques, coa aplicación de autoavaliacións, cartas de servizos e xestión de indicadores.
A política de calidade da Deputación de Pontevedra esténdese a diferentes servizos e departamentos e é obxecto de revisión periódica para asegurar a súa adecuación aos obxectivos pretendidos.
Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra aposta por alcanzar a excelencia dos seus servizos e unha oferta cultural de calidade. Para iso, a formación continua do seu persoal, a mellora das súas instalacións e a creación de novas narrativas a través das súas coleccións son tres claves importantes na súa procura dun museo social, inclusivo e transformador.
O principal obxectivo de todo o persoal do Museo e moi especialmente do Departamento da Avaliación da Calidade é realizar un seguimento e unha análise global de toda a actividade museística e do seu impacto para poder avaliar as súas fortalezas e debilidades e actuar en consecuencia en prol dunha progresiva mellora; todo isto baixo o rigor do cumprimento da normativa vixente en temas de calidade turística, coma a recollida na Carta Internacional sobre Turismo Cultural do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (1999) e a Norma 302002:2018 de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española.
A política de calidade do Museo adopta os seguintes compromisos:
- Establecer a calidade e a sostibilidade como elementos vertebradores do seu proxecto, así como informar e valorar as cuestións ambientais e socioculturais que inflúan no seu devir
- Aliñar as distintas actividades do Museo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para contribuír, na medida do posible, a acadar a Axenda 2030
- Considerar “a mellora continua” un obxectivo permanente e implicar o público e a todo o persoal do Museo
- Potenciar a formación continua de todo o persoal do Museo co obxectivo de asegurar a máxima calidade no servizo á cidadanía
- Valorar o impacto da dixitalización nos museos e ofrecer novas formas de ver e gozar das súas coleccións de maneira complementaria á tradicional
- Analizar as demandas culturais e de lecer da sociedade e adoptar medidas que optimicen a participación cidadá e se axusten ás súas necesidades
- Elaborar proxectos orientados á comunidade ao apostar pola integración social e colaborar con diferentes colectivos, urbanos e rurais, no deseño da programación educativa e cultural: asociacións, público escolar, artistas…
- Favorecer o tecido empresarial comunitario ao integrar de forma complementaria ás nosas actividades outras xeradas por empresas, asociacións e institucións da cidade e da contorna
- Realizar de forma periódica estudos de público, tanto a nivel cuantitativo coma cualitativo, que permitan mellorar os servizos
- Poñer énfase na prevención para evitar posibles erros de xestión
- Mellorar a imaxe institucional cara a un criterio de unidade
Finca Mouriscade
A presidencia da Deputación de Pontevedra xunto coa Dirección da Finca Mouriscade son conscientes das novas regras de competencia técnica que se van introducindo para os laboratorios de ensaios e por iso queren pór de manifesto o seu compromiso de enfocar todos os esforzos para mellorar a calidade dos servizos prestados pola Finca Mouriscade, co fin de traballar a un nivel no que a competencia técnica sexa recoñecida por un organismo acreditador.
Para iso a Deputación de Pontevedra e a Finca Mouriscade establecen como obxectivos:
- Asegurar que os ensaios se realicen segundo os métodos establecidos e as especificacións que os clientes establezan.
- Asegurar a formación continua do persoal do laboratorio tanto en materia de ensaios coma en materia de calidade.
- Asegurar que todos os ensaios que se realicen se atopen sometidos a un rigoroso control de calidade que garanta a súa fiabilidade.
- Satisfacer as necesidades dos nosos clientes, das autoridades reguladoras ou das organizacións encargadas do recoñecemento do laboratorio.
- Mellorar o servizo prestado ós nosos clientes.
Para cumprir os obxectivos establecidos comprométense a:
- Cumprir os requisitos da norma internacional ISO/IEC1 17.025.
- Asegurar que o laboratorio siga unhas boas prácticas profesionais.
- Asegurar o adecuado nivel do traballo do laboratorio para garantir a satisfacción dos nosos clientes e a calidade dos ensaios realizados.
- Promover a adquisición dos recursos materiais e humanos que sexan necesarios para a consecución do mencionado obxectivo.
A calidade é un propósito e unha responsabilidade de todo o persoal do laboratorio. Por iso establecemos como requisito imprescindible para a consecución desta política que todo o persoal se familiarice coa documentación sobre a calidade e poña en práctica, no seu traballo diario, os procedementos establecidos.
A presidencia da Deputación delega na Dirección da Finca Mouriscade a responsabilidade de implantar o sistema de calidade e encoméndalle a persoa responsable de Calidade a tarefa de supervisar a eficacia e implantación do Sistema da Calidade e de garantir que se implante e aplique en todo momento.
Estación Fitopatolóxica Areeiro
A Estación Fitopatolóxica Areeiro ten por obxectivo prioritario mellorar continuamente a calidade dos servizos prestados aos clientes. Por iso, adaptou o seu funcionamento aos requisitos que establece a norma de xestión de calidade UNE-EN ISO 9001 e obtivo o recoñecemento externo da adecuada xestión da calidade do seu laboratorio por parte dunha entidade de certificación de calidade (concretamente AENOR).
Na actualidade a Estación Fitopatolóxica Areeiro está certificada para realizar as seguintes actividades desenvolvidas no laboratorio:
- Detección e identificación de fungos fitopatóxenos e fitoplasmas por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación).
- Análises físico-químicas en kiwi (dureza, tamaño, sólidos solubles, amidón, acidez total e porcentaxe de materia seca).
- Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
- Detección de virus (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV; GFKV) e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa, da vide, e Xylella fastidiosa, de leñosas e ornamentais pola técnica ELISA.
- Análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica e fósforo).
Turismo Rías Baixas
Turismo Rías Baixas entende a calidade como o conxunto de características do servizo que realiza e que lle confiren a súa aptitude para satisfacer as necesidades da ou do usuario.
O principal obxectivo dos servizos de atención de Turismo Rías Baixas é facer da calidade un elemento básico na cultura do destino Rías Baixas, implicando para iso a todo o persoal afectado no cumprimento dos requisitos do Sistema de Calidade da norma UNE-ISO 14785: 2015 de Oficinas de información turística, asegurando unha mellora continua e a satisfacción da ou do turista.
Por iso, a Ordenanza reguladora da creación da rede de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS, segue as pautas da norma UNE-ISO 14785 e trata de coordinar e impulsar accións de promoción do destino Rías Baixas, apostando por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, formación e información do persoal implicado, unha imaxe integrada e unhas características homoxéneas.
As políticas de calidade de Turismo Rías Baixas partes dos seguintes puntos:
- A CALIDADE é a sensación de satisfacción de calquera cliente, en relación do que obtén polo que custa conseguilo
- A CALIDADE é o resultado dun estado de ánimo e de ilusión que é necesario manter e mellorar
- A CALIDADE constrúese con tempo, paciencia, constancia, vigor e con moitísimas ganas de alcanzar ese nivel
- A xestión da CALIDADE depende da CALIDADE da ou do xestor do punto de información turística e do destino en xeral
- A CALIDADE é asunto de todas e todos, asocia a quen ten algo que ofrecer con quen ten algo que comprar
- A organización do traballo e a motivación detrás dela é máis positiva para a CALIDADE que a multiplicación dos controis
- As suxestións do propio persoal son un dos maiores recursos de Turismo Rías Baixas para mellorar a CALIDADE do noso destino
- O xuíz supremo da CALIDADE en destino é a ou o turista que nos visita
Servicio de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local
A calidade e modernización da Administración pública non é unha moda, senón unha necesidade.
O sector público, e en particular a Administración local, deben estar máis próximos ás inquietudes dos grupos de interese e formar e sensibilizar o persoal para lograr unha Administración máis receptiva e accesible, que responda con prontitude ás novas necesidades, facilite máis información e potencie unha maior participación entre a cidadanía e o persoal ao servizo da mesma.
A Administración local é a máis próxima ás e aos cidadáns, a que ocupa unha mellor posición para escoitar e responder e a que ten máis razóns para cambiar. Por iso é necesario modernizarse e innovar de forma sistemática e planificada, utilizando técnicas e modelos de xestión de calidade contrastados.
A política de calidade serve de marco para establecer os obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, de acordo coas liñas estratéxicas impulsadas para a promoción da formación e do emprego, que inclúen:
- Programas para o impulso da cultura emprendedora e o autoemprego no ámbito educativo, na formación profesional para o emprego e na práctica laboral
- Programas de formación vinculados á obtención de certificados de profesionalidade que permitan mellorar as cualificacións e as competencias profesionais
- Programas dirixidos a promover a produtividade e a empregabilidade que combinen accións de orientación e de apoio coa procura de emprego por conta allea
A política de calidade comunicaráselle formalmente a todos os grupos de interese mediante a súa difusión na páxina web da Deputación de Pontevedra e será obxecto de revisión anual para asegurar a súa adecuación ao propósito, ao contexto e á estratexia do Servizo.
A Presidencia comprométese á mellora continua e ao cumprimento dos requisitos de aplicación.
As directrices xerais que se establecen para a consecución dos obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local son as seguintes:
- Lograr a plena satisfacción dos grupos de interese, proporcionándolles servizos acordes cos requisitos, necesidades, expectativas e especificacións establecidas nas disposicións de aplicación
- Establecer un protocolo documentado para asegurar a calidade dos servizos
- Implantar a mellora continua como norma de conduta
- Dotar de medios e recursos necesarios para o seu logro
- Dotar a persoa responsable de xestión da autoridade necesaria para avaliar a adecuación e eficacia do sistema de xestión de calidade
A presidencia da Deputación Provincial de Pontevedra comprométese a desenvolver as directrices que se establecen nesta política e no propio sistema de xestión de calidade.