#TRANSPARENCIA
Perfil de contratación
A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, introduce novidades que lles afectan dun xeito integral á regulación do proceso de contratación das administracións públicas e ao réxime xurídico aplicable para os efectos, o cumprimento e a extinción dos contratos.
A Deputación de Pontevedra pon en coñecemento das empresas, outras administracións públicas, organismos e persoas interesadas en xeral que o seu perfil de contratación se integra na Plataforma de Contratación do Sector Público e que se pasará a xestionar e difundir por medio desta. Aquí atopará:
- Información relativa ás licitacións que realice
- Os contratos menores
- Documentos tales como:
- previsións de contratación
- composición da Mesa de Contratación permanente
- actas da Mesa de Contratación
- encomendas de xestión
- outros coma os da suspensión de prazos na tramitación de procedementos debido a situacións de carácter excepcional
Cúmprese así a obriga recollida no artigo 347.3 da LCSP, no cal se indica que todos os perfís dos órganos de contratación das administracións locais, así como os das súas entidades dependentes, deben estar aloxados nunha plataforma de contratación estatal ou autonómica e interconectados, como se indica na disposición adicional terceira da Lei 20/2013, de 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.
Cómpre lembrar que coa actual LCSP se crea o procedemento aberto simplificado na súa modalidade ordinaria e supersimplificada. Neste, os anuncios dos contratos tramitados anunciaranse unicamente no Perfil de contratación (e, conseguintemente, nas plataformas nas que se aloxan).
Co obxectivo de evitar que se eluda a obriga da publicidade a LCSP recolle no seu artigo 39.2.c) que serán considerados nulos de pleno dereito os contratos cuxo anuncio de licitación non se publique no Perfil de contratación aloxado nunha das dúas plataformas ou nos boletíns oficiais correspondentes, no caso de existir tal obriga.
Os procedementos de contratación da Deputación de Pontevedra publícanse na Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado e na Plataforma de licitación electrónica VORTAL.