#APROVINCIA

Entidades locais menores

As entidades locais menores considéranse legalmente entidades locais de ámbito territorial inferior ó do concello, con personalidade xurídica propia e facultades para xestionar os seus bens e servizos. Asígnanselles competencias para administrar e conservar o seu patrimonio, así como para executar obras e servizos do seu interese.

Esta calidade recoñeceuse por primeira vez no Estatuto municipal de 1924, que define a entidade local como un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos, diferenciados dos xerais do municipio.


Neste momento hai en Pontevedra oito entidades locais menores: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (ambas en Mondariz).

A organización das entidades locais menores establécese na propia lexislación. O alcalde pedáneo convoca e preside as reunións, executa os acordos da xunta veciñal, aplica o presuposto, ordena pagos e rende contas da súa xestión, ademais de vixiar a conservación dos camiños rurais, fontes e montes.

Existe ademais unha xunta veciñal composta polo alcalde pedáneo e un número par de vogais, dous ou catro segundo a poboación. Este órgano ten competencias para aprobar o presuposto, a censura de contas e as ordenanzas para administrar e conservar os bens e dereitos da entidade; e para exercer as accións xudiciais e administrativas oportunas. En xeral, as súas funcións son aquelas que nun concello están atribuídas ó Pleno.

Arcos da Condesa

Esta entidade comprende a parroquia de Santa Mariña de Arcos da Condesa, que pertence ó concello de Caldas de Reis. Consta dos seguintes lugares: O Ameal, A Arosa, Badoucos, Ceboleira, Foxacos Marán, Penalta, San Martiño e Valsordo. Ten unha extensión de 760 hectáreas nas que residen 640 veciños.

Aínda que durante o Antigo Réxime esta parroquia fora un couto, cando se levou a cabo a configuración definitiva dos concellos constitucionais non chegou a ter a consideración de concello.

Recoñécese como Entidade local menor no Decreto de 18 de xaneiro de 1946, a proposta do Ministerio da Gobernación, despois dun proceso iniciado dous anos antes. A primeira Xunta Municipal constitúese o 23 de agosto de 1946 baixo a presidencia de Julio Ocampo Coto.

Bembrive

Esta entidade comprende a parroquia de Santiago de Bembrive, que durante o Antigo Réxime integraba a xurisdición de Bouzas, baixo o señorío do Bispado de Tui. Posteriormente, no ano 1836, coa creación definitiva dos concellos constitucionais, será incluída no concello de Lavadores con outras sete parroquias, ata que no ano 1936 este concello quedou adscrito definitivamente ó de Vigo.

Ten unha superficie de 935 hectáreas e 4.766 habitantes. Consta dos seguintes lugares: Baruxáns, O Cacheno, Carballal, As Chans, O Cruceiro, A Cruz, Eifonso, Esparramáns, Espedrás, Ferreiras, Os Freires, O Lameiro, Mandín, Miraflores, Monte da Pedrosa, O Monte do Calvario, Mosteiro, Mourelle, A Mouteira, Novelos, O Outeiro, Paio, A Parrocha, A Parrovella, A Pedra, O Polvorín, O Pouso, As Raposas, Recaré, As Regadas, Regueiras, Os Ríos, San Cibrán, Segade, O Toutizo, Xeme, A Xesteira e Xestoso.

Constitúese como Entidade local menor o 12 de xuño de 1945 e ten sede institucional no lugar de Mosteiro. Unha das súas funcións máis importantes é xestionar os montes, que ocupan 355 hectáreas.

Camposancos

A Entidade local menor de Camposancos é a máis antiga de Galicia. A finais do século XIX xa había unha Xunta Administrativa que xestionaba os bens do couto de Camposancos, de acordo co previsto nas leis municipais de 1870 e 1877. Durante o Antigo Réxime era un couto dependente do Bispado de Tui, que arrendaba os seus bens ós veciños da parroquia. En 1870 este foro foi abolido.

A parroquia de Santa Isabel de Camposancos créase en 1798 despois de separarse da parroquia de San Lourenzo de Salcidos. Constitúese como concello propio ata que en 1836, coa creación definitiva dos concellos constitucionais, será incluída no concello da Guarda.

Ten unha superficie de 412 hectáreas e 845 habitantes. O territorio comprende unha parte do monte de Santa Trega e praias de recoñecido prestixio. Consta dos seguintes lugares: A Armona, Bouza da Fonte, O Couto, A Granxa, O Muíño, O Outeiro, Palomar, Sa e Salgueiró.

É recoñecida como Entidade local menor en abril de 1925 e queda constituída definitivamente o 23 de maio de 1925. O primeiro alcalde pedáneo foi Domingo Domínguez.

Chenlo

A parroquia de San Xoán de Chenlo está adscrita ó concello do Porriño desde que se levou a cabo a configuración definitiva dos concellos constitucionais en 1836.

En épocas anteriores pertenceu á xurisdición do Porriño, baixo o señorío do conde de Salvaterra. Entre 1812 e 1821 estivo integrada no concello de Mosende coas parroquias de Pontellas e a propia de Mosende. Os veciños intentaron manter esta situación e fixeron varias reclamacións sen éxito. Finalmente, o concello de Mosende desapareceu e San Xoán de Chenlo integrouse no do Porriño.

A parroquia de Chenlo ten unha superficie de 10 quilómetros cadrados e 547 habitantes. Consta dos seguintes lugares: As Abas, A Becerreira, As Cabreiras, Os Cabreiros, As Cales, Canadelo, Os Eidos, A Escusa, As Filgueiras, A Granxa, A Ladeira, Parada, O Penedo, O Pomariño, O Pombal, Porto de Eiras, A Quinta, O Saramagal, O Toxal e Vilar.

Morgadáns

A parroquia de Santiago de Morgadáns pertence ó concello de Gondomar. Ten unha superficie de 1.530 hectáreas nas que residen 1.158 veciños. Consta dos seguintes lugares: A Abelosa, Baralla, A Batizosa, O Camiño Branco, O Carballás, A Carballeira, Os Eidos de Abaixo, As Entreviñas, Ervillás, Gonda, Guillulfe, Gulfar, O Lago, Murxido, Os Padróns, A Pedra, O Picouso, Prado, San Roque, Vilas, Viñó e Xende.

Durante o Antigo Réxime esta parroquia pertencía á xurisdición real de Baiona. Despois da Constitución de Cádiz e nos breves períodos liberais posteriores funcionou como concello propio ata que foi incluído no concello de Gondomar, cando se levou a cabo a configuración definitiva dos concellos constitucionais en 1836. Hai constancia de que en 1844 os veciños de Morgadáns cos de Chaín pedían formar un concello propio con capital en San Roque de Morgadáns, pero foi un intento infrutuoso.

A parroquia de Morgadáns constitúese como Entidade local menor o 7 de agosto de 1932 coa consideración de "pobo agregado", de acordo coa Lei municipal de 1877, pois a corporación de Gondomar previamente decidira non ter en conta o Estatuto municipal de 1924. A entidade suspende as súas actividades debido á guerra civil española e non as retoma ata 1955.

Ten a súa sede no lugar da Pedra e unha das súas funcións máis importantes é xestionar os montes, entre os que destacan o monte Galiñeiro e o monte Caldeirón.

Pazos de Reis

Esta entidade comprende a parroquia do Sagrario de Pazos de Reis, que pertence ó concello de Tui. Ten unha superficie de 615 hectáreas nas que residen 1.113 veciños. Consta dos seguintes lugares: O Ánxel, Circos, O Eirado, Frinxo, Herdeiros, Os Muíños, A Poboanza, A Porteliña, Ricamonde e O Seixal.

Constitúese como Entidade local menor en 1926, a pesar de que os veciños de Tui manifestaran o seu desacordo.

Queimadelos

Comprende a parroquia de Santa María de Queimadelos, que pertence ó concello de Mondariz. Durante o Antigo Réxime integraba a xurisdición de Sobroso, baixo o señorío do marqués de Sobroso e conde de Salvaterra.

Constitúese como Entidade local menor o 21 de febreiro de 1935. A entidade ten un edificio propio, construído entre 1963 e 1966, onde se xestionan os seus servizos.

É unha pequena parroquia rural, cunha superficie de 2,12 quilómetros cadrados na que residen 155 veciños. Consta unicamente de dous lugares: A Armada e Aqueleido.

Vilasobroso

Comprende a parroquia de San Martiño de Vilasobroso. Anteriormente o seu nome era San Martiño de Portela, ata que se aproba en 1936 o cambio de denominación. Durante o Antigo Réxime integraba a xurisdición de Sobroso, baixo o señorío do marqués de Sobroso e conde de Salvaterra.

Recoñécese como Entidade local menor o 13 de setembro de 1924. O primeiro alcalde pedáneo foi Alejo Carrera Muñoz, nese momento señor do castelo de Sobroso. Ó principio denominouse Entidade local menor de Portela ata o cambio de nome antes sinalado, que solicitou a propia entidade.

Actualmente esta parroquia forma parte do concello de Mondariz. Nela atópase o castelo de Vilasobroso ou Sobroso, hoxe propiedade do concello de Ponteareas. Destacan así mesmo o edificio do mercado e o cemiterio.

A parroquia ten unha superficie de 5,18 quilómetros cadrados onde residen 452 veciños. Consta dos seguintes lugares: O Cruceiro, A Pena, Saniñáns, Vegadraga e Vilasobroso.