A Deputación leva este sábado a Ribadumia unha actuación de Mondra no marco do programa provincial “+Música”

O concerto financiado pola institución forma parte da “Ruada das Gotas” coa que o Concello e Gotas pola Diversidade conmemoran o Orgullo LGTBIQ+ do Rural

13/06/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” a actuación musical de Mondra que se celebrará este sábado a partir das 21:00 horas na Praza do Concello de Ribadumia. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galegas e mais a reputación da provincia de Pontevedra como destino cultural.

Mondra, nome artístico de Martín Mondragón, é un artista, cantareiro e bailador vencellado á música e o baile tradicionais galegos, así como ao teatro e o audiovisual. Desde 2021 forma parte de DeMente, da compañía de danza Fran Sieira, unha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. O seu espectáculo de gran formato “A Folia das Ardentes” tende unha man á percusión tradicional galega, á electrónica e ás danzas urbanas. No escenario estará acompañado de Artur Puga e Julia Sánchez-Biezma, ás percusións, e mais Sabela Domínguez, Julia Laport, Jandros Rodríguez e Daniel Valde, na danza.

A actuación de Mondra enmárcase na “Ruada das Gotas”, unha das actividades do Mes da Diversidade coas que o Concello de Ribadumia e a Asociación Gotas pola Diversidade homenaxean o Mes do Orgullo LGTBIQ+ do Rural. A súa é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.