A Deputación anticipa o encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes cunha exposición de pintura no Museo de Pontevedra

A entrada da zona acristalada do Museo, onde terá lugar o evento, acolle ata o 20 de outubro unha escolma de oito obras de catro autores mozos da provincia, inaugurada este martes polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado Jorge Cubela

08/10/2024

Inauguración da exposición pintura dos Premios Provinciais á Xuventude

Desde hoxe e ata o próximo 20 de outubro xa se pode visitar na entrada da zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra de pintura que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha como actividade paralela ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebrará neste mesmo espazo o 17 e 18 de outubro. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inauguraron a exposición froito dun concurso público no que resultaron gañadores catro artistas da provincia: Sofía Muñiz Somoza (de Cambados), Laura López Ignacio (de Marín), Ainhoa Lage Moldes (de Pontevedra) e Daniel Jácome Rodríguez (de Vigo).

O vicepresidente Rafa Domínguez lembrou que "a mocidade é o futuro da provincia" e, por iso, "traballamos con forza para abrirlles o camiño e que poidan desenvolverse no noso territorio", unha razón que levou o executivo provincial a crear "desde cero" un servizo de Xuventude "que en pouco máis dun ano está a liderar importantes programas" como a "reformulación dos Premios Provinciais á Xuventude, que acaba de bater todas as súas marcas de participación". O interese crecente nas categorías de traballo literario ou fotografía son a base de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, no que se encadra a exposición. "Convídovos a que non perdades nunca a liberdade para expresarvos a través das disciplinas artísticas e que isto poida ser o voso modo de vida", sinalou Domínguez aos artistas.

Pola súa banda, o deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, remarcou que con estas actividades "estamos poñendo o foco de novo no talento xuvenil e enxalzando a súa creatividade, así que agardamos que isto sexa un trampolín nas vosas carreiras, que vos dea moita visibilidade e que permita que se vos abran moitas portas no eido da creación artística".

Os artistas seleccionados empregaron nos seus cadros técnicas como as de colaxe analóxico sobre lenzo, óleo, grafito sobre papel ou acrílico sobre lenzo. A relación de obras expostas é a seguinte: "A sinalar a Ría" e "Simbiose", de Sofía Muñiz Somoza; "Rastro" e "Blur II", de Laura López Ignacio; "Vuela" e "Libre bajo el cielo", de Ainhoa Lage Moldes; e "Autopía (azul)" e Clash "(vermello)", de Daniel Jácome Rodríguez.

Ademais, ao abeiro do encontro a Deputación tamén puxo en marcha unha exposición fotográfica que se pode visitar no vestíbulo do Pazo provincial ata finais de mes, e que reúne o máis dun cento de imaxes que resultaron gañadoras na categoría de fotografía ao longo das sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude que foron resoltas ata o momento.

Pontevedra Literaria traerá á cidade de Pontevedra os días 17 e 18 a escritores de gran prestixio: Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira. Ademais, tamén participará Sandra Ferreiro García, que foi a gañadora do premio de narrativa dos Premios Provinciais á Xuventude en 2018 e acaba de publicar a súa primeira novela, "Candela". Pódese encontrar máis información sobre o encontro e o sistema de reserva de asentos (o espazo ten unha capacidade para arredor de 100 persoas en cada unha das sesións) no sitio web da Deputación.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes