Luis López certifica coa presentación de investimentos por máis dun millón de euros nas comarcas do Morrazo e Pontevedra que “somos a provincia do deporte”

O presidente provincial, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, presenta a alcaldes e concelleiros destas comarcas proxectos valorados en máis dun millón de euros incluídos no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e no +Provincia

17/06/2024

Presentación dos investimentos en Moaña

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o investimento de máis de 800.000 euros nos concellos das comarcas do Morrazo e Pontevedra ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), unha cifra que supera o millón de euros tendo en conta as achegas do +Provincia en Ponte Caldelas e Moaña. A serie de presentacións das obras incluídas neste plan ideado polo goberno provincial toca ao seu fin este luns. Despois de dar a coñecer os investimentos nas zonas do Deza, do Salnés e de Vigo e o sur da provincia, o goberno provincial clausura a súa xira no Morrazo, onde están aprobados sete proxectos para catro concellos por un valor total de 500.000 euros, mentres que na área de Pontevedra son oito as obras que se realizarán en seis municipios por máis de 300.000 euros. “A de Pontevedra é a provincia do deporte”, afirmou o dirixente para destacar que “a provincia é berce de grandes deportistas”, dixo mencionando á morracense Teresa Portela; e “grazas a este plan extraordinario, a provincia conta cunhas instalacións novas e modernas para seguir sendo berce de estrelas do deporte”, engadiu.

Acompañado pola vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez; e o deputado Jorge Cubela, así como de rexedores e edís de todos os concellos destas dúas comarcas, Luis López agradeceu a hospitalidade da alcaldesa e o pobo de Moaña por acoller esta presentación nun concello onde a Deputación vai investir máis de 155.000 euros na creación dun skatepark no lugar do Casal, dos que 116.000 euros corresponden ao PEID e os 41.000 restantes ao +Provincia.

“Un plan provincial extraordinario, das primeiras medidas que puxemos en marcha como goberno, que resultou ser todo un éxito. Polos 4 millóns de euros que mobilizamos, pola marabillosa acollida que tivo por parte dos 59 concellos da provincia e polas fantásticas ideas e propostas que vós, alcaldes e alcaldesas, nos fixestes chegar para mellorar as instalacións deportivas dos concellos”, recoñeceu o presidente provincial antes de pasar a detallar polo miúdo os proxectos que se levarán a cabo en cada un destes concellos.

A vicepresidenta Luisa Sánchez, pola súa banda, sinalou que “estes grandes investimentos” que impulsa a Deputación nas comarcas de Pontevedra e O Morrazo “transformarán como nunca antes se fixera as infraestruturas deportivas municipais destas zonas” grazas a un Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, que “está permitindo impulsar a construción de novas instalacións deportivas, mellorar as xa existentes, adquirir terreos para uso deportivo e comprar materiais ou equipamentos para modernizar estes espazos”.

Despois de detallar o proxecto de Moaña, Luis López presentou o plan de Cangas, que recibirá 151.3000 euros para a mellora da iluminación do estadio municipal de atletismo; o de Bueu, con 85.000 euros para a acometida eléctrica e mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol da Graña; ou Marín que, cunha achega de 139.000 euros fará realidade a mellora do skatepark (48.300€), a dotación de equipamento de ximnasio para a piscina municipal (24.300€) e a instalación de climatización para a propia piscina (65.800€).

No tocante á comarca de Pontevedra, o Concello máis beneficiado é o de Poio que levará a cabo tres proxectos para os que percibe un total de 105.000 euros. Son a instalación dunha pista de pump track (48.000€), a reparación dos vestiarios do pavillón (47.000€) e o software de xestión para o ximnasio (6.000€). Pola súa banda, Vilaboa recibe 50.000 euros para axudar ao acondicionamento do pavillón do Toural, Cerdedo-Cotobade, 48.400 euros para a mellora do campo de fútbol das Extremas; A Lama, 32.600 euros, para a mellora da eficiencia enerxética do pavillón; e Campo Lameiro, 28.800 euros para material de ximnasio. Mención especial mereceu o caso de Ponte Caldelas, onde a Deputación achega 206.000 euros para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia arrasado por unha riada. Uns fondos que proceden do PEID, 47.800 euros; e do +Provincia, 158.000 euros.

A Deputación aposta polo deporte

“A aposta da Deputación polo deporte vai máis aló da mellora das instalacións deportivas. Apoiamos aos nosos deportistas, clubs e federacións a través becas e subvencións, así como apostamos pola organización de eventos deportivos de grande interese”, engadiu Luis López facendo referencia á novidosa liña de axudas para organizar competicións deportivas de interese turístico, á alianza coa que será sete veces olímpica, Teresa Portela, para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo; ou a ser escenario de grandes eventos globais como o fin de etapa de La Vuelta este agosto en Baiona a España ou o Campionato de Europa de Ciclocrós que terá lugar este ano en Pontevedra.

Despois de reiterar o agradecemento á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, por albergar a derradeira presentación dos proxectos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, Luis López quixo reafirmar o compromiso “estratéxico” da Deputación co deporte porque “mellora a calidade de vida, mellora os servizos e dinamiza a economía e mellora o recoñecemento das Rías Baixas como destino turístico ligado ao deporte e á natureza”. O presidente da Deputación concluíu o seu discurso recoñecendo o labor dos alcaldes e alcaldesas. “Ningunha destas apostas sería posible sen a vosa colaboración. Este mérito tamén é voso. Porque traballando xuntos, gañamos todos”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes