Luis López subliña que as comarcas do Salnés e Caldas son “grandes protagonistas” da aposta da Deputación polos equipamentos deportivos ao investir dous millóns

O presidente provincial presenta a alcaldes e concelleiros dos 17 concellos destas comarcas os proxectos que financiará a Deputación a través deste plan

23/05/2024

Presentación do Plan de Infraestruturas Deportivas da comarcas Salnés e Caldas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción polos froitos que está a dar a aplicación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas no territorio. Despois de presentar hai unha semana os proxectos da zona do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, o mandatario provincial informou este xoves no Grove dos proxectos que se executarán nos concellos das comarcas do Salnés e Caldas e que supoñen un investimento de case 2 millóns de euros da Deputación en 17 concellos. "O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas é un perfecto reflexo do fondo e das formas deste goberno.   Do fondo, porque cremos en que os concellos non só comparten senón que canalizan as nosas prioridades, como a modernización dos equipamentos deportivos e o fomento de hábitos de vida saudable. E das formas, porque este Plan naceu escoitando aos alcaldes, desenvolveuse atendendo ás solicitudes dos alcaldes e executarase grazas ao compromiso dos alcaldes", explicou o presidente López, que estivo acompañado pola vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez.

O acto, ao que asistiron alcaldes e concelleiros de todos os concellos destas comarcas, tivo lugar no pavillón do colexio Conmeniño do Grove, unha infraestrutura que será renovada ao 100 % con fondos da Deputación correspondentes ao Plan de Infraestruturas Deportivas, 74.000 euros; e do +Provincia, cunha subvención de 241.000 euros que será aprobada este venres pola Xunta de Goberno da Deputación. Non é a única liña de colaboración en materia deportiva entre a Deputación e o Concello do Grove, pois xa está asinado un convenio ao abeiro do programa PON2030 para crear nas Bizocas, en San Vicente, unha zona de calistenia, unha pista de baloncesto, unha pista polideportiva cuberta e un parque biosaudable, entre outras melloras, cunha achega de 743.000 euros por parte da Deputación. "Só no Grove estamos a investir máis dun millón de euros en infraestruturas deportivas", subliñou Luis López.

Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez, que se encargou de abrir este acto de presentación dos proxectos, explicou os obxectivos deste plan provincia. "Os grandes investimentos que imos impulsar nas comarcas do Salnés e de Caldas transformarán como nunca antes se fixera as infraestruturas deportivas municipais desta terra. Esta transformación será e xa está sendo posible grazas ao Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado con 4 millóns de euros. Un amplísimo programa para construír novas instalacións, mellorar as existentes, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar materiais e equipamentos para modernizar estes espazos", detallou Sánchez.

Antes de definir polo miúdo os proxectos aprobados en cada un dos concellos, o titular do goberno provincial puntualizou que, grazas a este plan, investirase máis do 25 % do orzamento deste plan nas comarcas do Salnés e Caldas. A primeira recibirá un total de 727.000 euros a repartir entre os municipios de O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Mentres que á segunda correspóndenlle 345.000 euros, que chegarán aos concellos de Caldas de Reis, Barro, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Valga e Portas. "Se a esa contía agregamos as achegas do +Provincia, que tamén financian algúns proxectos, o resultado é que a Deputación inxecta case dous millóns de euros, 1,94 millóns, concretamente", engadiu López.

O Concello máis beneficiado por este plan provincial é o de Vilagarcía de Arousa, que recibirá un total de 206.000 euros para financiar o 100 % de tres proxectos: A renovación do céspede artificial de Berdón (176.300€), a instalación dun videomarcador na Lomba (22.000€) e o subministro de 540 butacas para o pavillón de Fontecarmoa (7.800€). Nesta comarca do Salnés, Sanxenxo recibirá 108.000 euros para o acondicionamento do campo de fútbol de Noalla; Meaño, 46.400 euros para realizar obras na piscina de Dena; A Illa de Arousa, 44.400 euros para mellorar a iluminación no campo de fútbol de Testos e adquirir material para o pavillón municipal; Meis, 43.700 euros para acondicionar os vestiarios do campo de fútbol da Armenteira; e Ribadumia, 46.000 euros para axudar a renovar o céspede artificial da Bouza.

Na comarca de Caldas, a Deputación achega 68.000 euros para mellorar as gradas e a iluminación do campo de fútbol das Corticeiras, en Caldas de Reis; así como 38.000 euros para apoiar a substitución da cuberta do pavillón polideportivo de Barro, ou 43.000 euros para a mellora da accesibilidade do pavillón de Cuntis, 35.500€ para reformar os vestiarios do pavillón de Pontecesures, 34.400 euros para reparar a pista do pavillón da Rapeira de Portas e 48.700€ para acondicionar a pista polideportiva interior do pavillón de Baño en Valga.

O +Provincia complementa os investimentos

Con todo, a  conxugación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do +Provincia permite a diversos concellos destas comarcas empregar fondos provinciais para executar obras de gran calado. É o caso do Grove, pero tamén de Catoira, que poderá construír vestiarios e aseos no campo de fútbol das Lombas grazas a achega de 58.900 euros por parte da Deputación, 36.600 euros do PEID e 58.900 do +Provincia. Moraña é outro exemplo desta situación cun investimento de 391.000 euros para completar a segunda fase da mellora do campo de fútbol de Mirallos cunha axuda de 40.7000 euros do PEID e de 350.250 euros do +Provincia. Cambados recibe 110.000 euros, de 887.800 euros do PEID e 22.000 euros do +Provincia, para substituír a cuberta do pavillón do Pombal. Mentres que en Vilanova de Arousa renovarase o céspede artificial do campo de fútbol das Chans, en Ponte Arnelas, cun investimento de 279.500 euros, dos que 70.800 euros proceden do PEID e 208.640 euros do +Provincia.

A Deputación aposta polo deporte

"Pero a aposta da Deputación polo deporte vai máis aló da mellora das instalacións deportivas", puntualizou o presidente Luis López antes de referirse a outras iniciativas encamiñadas a posicionar á provincia como unha referencia no apoio ao tecido deportivo e en destino turístico ligado ao deporte. "Apoiamos aos nosos deportistas, clubs e federacións a través becas e subvencións e apostamos pola organización de eventos deportivos de grande interese", afirmou o dirixente citando algúns dos grandes eventos celebrados recentemente na provincia como a final das World Series de Tríatlon do pasado ano en Pontevedra, o partido da Selección Feminina campioa do mundo en Pasarón, a etapa final do Gran Camiño en Tui ou os partidos das seleccións feminina e masculina de balonmán no Porriño ou en Lalín, así como os que están por vir como o paso de La Vuelta por Ponteareas e Baiona ou o Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra.

Finalmente, o presidente da Deputación reiterou o compromiso polo deporte como o camiño para "mellorar a calidade de vida, os servizos e a dinamización da economía, así como o recoñecemento das Rías Baixas como destino turístico ligado ao deporte e á natureza". Un camiño no que é imprescindible a cooperación dos concellos. "Ningunha destas apostas sería posible sen a vosa colaboración. Este mérito tamén é voso e agardo que o sexa durante moito tempo máis. Xuntos construímos unha provincia que vai a máis", rematou Luis López.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.