A Deputación pon en marcha esta fin de semana novos percorridos do programa provincial “+Bosques” que levarán aos participantes ata os ríos Xabriña e Almofrei

A iniciativa promove o contacto directo coa natureza e ten todas as prazas do mes cubertas. As inscricións para as quendas de agosto abrirán o próximo 15 de xullo

04/07/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana dous novos percorridos do programa provincial “+Bosques” que levarán un total de 30 persoas aos espazos naturais dos ríos Xabriña (Covelo), o sábado 6 de xullo, e Almofrei (Pontevedra), o domingo 7 de xullo. Os percorridos, de entre 2 horas e media e 3 horas de duración, porán o foco nas características especiais da flora e fauna nas contornas dos ríos, tanto de montaña (no caso de Xabriña) como en contornas máis próximas á costa (Almofrei), prestando atención tamén a elementos arquitectónicos e tradicionais que se atopan neles, como son os muíños, ou á configuración dos rueiros nas zonas de aldea.

Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei e Xabriña, O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios deste mes teñen xa todas as prazas cubertas e para os de agosto, que terán lugar todas as fin de semana do mes, o prazo de inscrición abre o 15 de xullo.

A Deputación, a través de “+Bosques”, organiza este mes oito percorridos todos os sábados e domingos. En total ata outubro serán preto de 40 as quendas por sete espazos tanto da costa como do interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. “+Bosques” promove  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.