A Deputación comeza esta semana os obradoiros “Art Lab”, que buscan achegar aos nenos á exposición “A era das fábulas”

Os talleres terán lugar do 5 ao 8 de agosto e do 12 ao 15 de agosto, e as prazas xa están esgotadas para as dúas datas

03/08/2024

O Museo de Pontevedra comeza esta semana cos obradoiros "Art Lab: Creamos... de Fábula", cos que busca achegar aos máis pequenos da casa á exposición "A era das fábulas", unha colección de cadros que vincula as coleccións de arte da Fundación María José Jove e de TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra.

En concreto, os talleres terán lugar esta semana, do 5 ao 8 de agosto, e a vindeira, do 12 ao 15, de 11:30 a 13:00 horas, e as 15 prazas por obradoiro están xa esgotadas para as dúas datas. Coa inspiración da exposición "A era das fábulas", Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que as nenas e nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outras e outros artistas presentes na mostra. Desta maneira, os cativos poderán descubrir as historias e lendas que se agochan detrás das súas obras.

Os talleres do Museo continuarán no mes de agosto coa proposta "Historias e Creación de Mosaicos" que, coas prazas tamén esgotadas, terá lugar do 20 ao 23 de agosto e do 27 ao 30, e propón á rapazada  aprender sobre a historia dos mosaicos e crear a súa propia obra partindo do mosaico coa representación de Baco presente na exposición "A era das fábulas".