A Deputación asina un convenio con FADEAL para financiar un proxecto que aproximará a realidade das persoas con enfermidades neurodexenerativas tipo Alzhéimer

A institución provincial achega 15.000 €, o 90% do orzamento dunha iniciativa na que se organizarán sesións informativas en todos os concellos da provincia

06/08/2024

A Deputación de Pontevedra financiará o proxecto “Alzhéimer de preto”, da Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL), a través dun convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 15.000 €, custeando o 90% do total da iniciativa. O seu obxectivo é ofrecer unha primeira aproximación á enfermidade de Alzheimer e outras neurodexenerativas, dando unha visión horizontal e global de todo o que supoñen desde os seus estadios iniciais.

No marco de “Alzhéimer de preto” realizaranse sesións informativas en todos os concellos da provincia onde as familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral poderán coñecer de preto a enfermidade, a súa evolución ou pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos e novidades en investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, así como tramitación documental ou asesoramento legal.

O proxecto financiado pola Deputación será xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).