A Deputación celebra este sábado no Museo a 63ª edición de ‘A la Luz de los Candelabros’, o concerto do alumnado internacional de Música en Compostela

Será o 3 de agosto ás 19:00 horas no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade

29/07/2024

O Museo de Pontevedra acolle un ano máis o concerto ‘A la luz de los candelabros’, unha cita que chega este ano á súa 63ª edición. O alumnado do curso internacional Música en Compostela, chegado de múltiples países de todo o mundo, actuará diante do público nunha cita que se repite no Museo xa desde a década de 1960. Será o sábado, 3 de agosto, ás 19:00 horas no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade.

O curso internacional Música en Compostela fundouse en 1958 e leva desde entón atraendo a músicos de todo o mundo que cada verán chegan a Galicia para formarse en música española. A edición deste ano celébrase do 28 de xullo ao 10 de agosto. O concerto en Pontevedra será a única actividade que se desenvolverá fóra de Santiago de Compostela.

O director de Música en Compostela é o indio Ashan Pillai, tamén profesor de viola. Completan o cadro de profesorado María José Montiel (canto), David del Puerto (composición), Roberto Fresco (órgano), Stephan Picard (violín), María de Macedo e Stephan Fork  (violonchelo), Jose María Gallardo del Rey (guitarra), José Sierra Pérez e Ismael Fernández de la Cuesta (musicoloxía), Carmen Cruz Simó (música_polifonica) e Josep María Colom (piano).