Programa ambiental
"Vive o rural"
2025
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, pon en marcha a segunda edición do programa ambiental “Vive o rural”, dirixido ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria (ESO) de centros educativos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para realizar saídas educativas a granxas escola da provincia de Pontevedra, co obxectivo de servir de apoio ao labor educativo que se desenvolve nos centros escolares.
O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na súa zona, a vida dos animais que nela habitan ou o coidado do medio natural, ademais de valorizar o sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da nosa cultura.
As entidades destinatarias destas axudas son:
- Os centros públicos de educación infantil, primaria e educación secundaria (ESO) que teñan a súa sede nalgún concello da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
- As anpas dos centros educativos antes indicados.
A contía máxima destinada a esta convocatoria é de sesenta mil (60.000,00) euros.
O importe máximo subvencionado por entidade beneficiaria será de mil douscentos cincuenta (1.250,00) euros, o que supón unha subvención máxima de 25 euros por alumna ou alumno e ata un máximo de 50 alumnas ou alumnos por centro educativo.
Son subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan ao obxecto do programa, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades desenvolvidas ata o 31 de decembro de 2025. As axudas deberán destinarse a financiar:
- O custo da entrada ás granxas escola para o desenvolvemento dunha saída ambiental dun día.
- Os gastos de desprazamento en transporte colectivo de ida e volta entre o centro docente e a granxa escola para realizar a visita de educación ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes será do 13 de xaneiro ao 7 de febreiro de 2025.
O procedemento de concesión destas axudas será en réxime de concorrencia non competitiva. Se o orzamento asignado para esta convocatoria non fose suficiente para a asignación directa das peticións solicitadas, atenderase ao seguinte:
- En primeiro lugar, terán prioridade os centros educativos, e as anpas ligadas aos centros educativos, que non fosen beneficiarios da axuda na anterior edición do programa.
- En segundo lugar, tramitaranse as solicitudes por orde de entrada no rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra.