A Deputación de Pontevedra lanza a marca Rías Baixas Film Fest co obxectivo de identificar e aglutinar os festivais do sector audiovisual da provincia de Pontevedra.
Contar cunha imaxe propia e distintiva daralles a estes certames recoñecemento ante o público e os medios de comunicación e permitiralles avanzar conxuntamente no fortalecemento do sector audiovisual.
A nova marca agrupa os festivais de Cans; Play-Doc; FICBUEU; Festival Again de Cine Inclusivo; Primavera do Cine; Galician Freaky Film; Curtas, Festival do Imaxinario; Novos Cinemas; de Pe Curtas Armadiña.
A Deputación de Pontevedra e as persoas e entidades promotoras dos festivais traballan conxuntamente neste proxecto coa intención de dignificar a cultura da provincia, incrementar a visibilidade dos certames, axudar á profesionalización do sector audiovisual galego e xuntar esforzos para ser máis fortes no relato cultural.
A marca Rías Baixas Film Fest nace no verán de 2020 para fortalecer e relanzar estas grandes citas co cinema, moi ligadas aos seus respectivos territorios e capaces de reunir proxectos, profesionais e historias de moi diversa factura.
Obxectivos que persegue a creación da identidade común Rías Baixas Film Fest
- Apoio aos festivais audiovisuais da provincia cunha identidade corporativa única
- Creación dunha identidade e imaxe de promoción para empregar tanto en liña coma en medios impresos ou na propia merchandaxe
- Garantía de calidade na organización e nos contidos dos festivais
- Posta en valor de aspectos coma a accesibilidade cultural, a igualdade, a proximidade, o uso da lingua galega ou a propia traxectoria e os premios acadados
- Participación e presenza da Deputación de Pontevedra nas presentacións e nos actos de promoción e difusión
- Promoción por parte da Deputación con campañas publicitarias e accións especiais coma un sorteo de entradas
- Visibilidade en feiras e eventos culturais e turísticos a nivel autonómico e nacional
- Aproveitamento de posibles fluxos de público entre festivais
- Compromiso cos obxectivos marcados na Axenda 2030
- Cumprimento das medidas e recomendacións hixiénico sanitarias e de seguridade derivadas da COVID-19 segundo a normativa vixente
Festivais integrados no ano 2025
Play-Doc
Do 7 ao 11 de maio
Cans
Do 20 ao 24 de maio
Festival Primavera do Cine
Sen data
FICBUEU
Do 5 ao 20 de setembro
Galician Freaky Film Festival
Do 19 ao 27 setembro
Festival de Cine Inclusivo de Vigo
Sen data
Curtas, Festival do Imaxinario
Do 24 de outubro ao 2 de novembro
Novos Cinemas
Sen data
Cans (O Porriño)
www.festivaldecans.gal
O que comezou como unha broma entre amigas e amigos no ano 2004 converteuse nunha cita ineludible para as e os amantes do audiovisual e cada ano reúne 13.000 persoas nos catro días que dura o evento.
Cans é un festival de curtametraxes de produción galega, no que a música tamén xoga un papel moi relevante. Durante o festival a aldea transfórmase completamente. Hai dez espazos que se converten en salas de proxección e que durante o resto do ano son adegas, alpendres, ghalpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas.
Un dos seus sinais de identidade son os traslados en chimpín, pequeno tractor doméstico empregado na aldea para os desprazamentos.
FICBUEU
www.ficbueu.com
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu nace en 2008 como un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto.
A organización concluíu que a crecente creatividade detectada en Galicia e no mundo non se correspondía coa limitada oferta do noso contorno, copada polas producións comerciais, as grandes distribuidoras e os países desenvolvidos.
Deste xeito, o certame do Morrazo chegou co obxectivo de abrir unha fiestra cara a ese cinema local e internacional de calidade acotío vetado ao gran público.
Festival Primavera do Cine (Vigo)
primaveradocine.com
O certame naceu en 2012 co obxectivo de converterse nun espazo de encontro entre profesionais do audiovisual galego e de presentar propostas cinematográficas que non teñen visibilidade nos circuítos de distribución convencionais.
En paralelo ás proxeccións, esta cita complétase cunha ampla oferta de actividades divulgativas destinadas ao fortalecemento do audiovisual galego e a cimentar as súas relacións co ámbito cultural lusófono.
A sección oficial foise ampliando e na actualidade divídese en cinco seccións: Curtas Galegas, Curtas Lusófonas, Longametraxes, Videoclips e Animación.
Os traballos seleccionados deberán ser de produción galega ou estar dirixidos por creadoras e creadores de Galicia ou ter un vínculo específico a nivel creativo coa industria audiovisual galega.
FICBUEU
www.ficbueu.com
El Festival Internacional de Cortometrajes de Bueu nace en 2008 como un espacio de difusión de la cultura cinematográfica en formato corto.
La organización ha concluido que la creciente creatividad detectada en Galicia y en el mundo no se correspondía con la limitada oferta de nuestro entorno, copada por las producciones comerciales, las grandes distribuidoras y los países desarrollados.
De este modo, el certamen de O Morrazo ha llegado con el objetivo de abrir una ventana hacia ese cine local e internacional de calidad con frecuencia vetado al gran público.
Play-Doc (Tui)
www.play-doc.com
A primeira edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, tivo lugar na cidade de Tui en marzo de 2005.
Play-Doc nace co propósito de establecer un punto de encontro e unha plataforma de exhibición para realizadoras e realizadores de todo o mundo. Constitúe un espazo de achegamento e celebración no que o público poderá gozar dun xénero emerxente que atravesa un momento de especial creatividade.
Ao longo destes anos Play-Doc converteuse nun lugar ideal para o encontro de novas e novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema coma Albert Maysles, Bruce Weber ou Artavazd Pelesjan, e tamén cineastas de culto esquecidos, censurados ou descoñecidos coma Kidlat Tahimik, Charles Burnett ou Peter Emanuel Goldman, entre moitos outros.
Play-Doc consolidouse coma un referente, e logrou manter un modelo de festival singular cunha programación rigorosa e un público masivo e extraordinariamente heteroxéneo.
Festival de Cine Inclusivo de Vigo
www.festivalcinevigo.es
Naceu en 2016 para que as persoas con discapacidade sensorial puidesen gozar do cine co resto do público.
No ano 2018 o festival creceu en contidos e, polo tanto, en xornadas. Á película inaugural, aos obradoiros de audiodescrición e subtitulado e ao festival de curtas uníronse tres seccións novas: un concurso de documentais internacionais inclusivos, o pase dunha película que narraba realidades pouco coñecidas (Novas Miras) e unha sección para darlles a coñecer ás e aos estudantes de bacharelato a realidade das persoas excluídas (Coñece! Sección para Escolas).
Malia ser un festival moi recente, o certame conta con dous premios que recoñecen o seu labor. No ano 2017 recibiu o Premio Nacional de Educación á Inclusión de Persoas con Necesidades Especiais e no 2018 o premio do proxecto Máscaras da Coruña, que cada ano lle entrega durante as súas xornadas "Son-risas" a unha iniciativa social significativa de Galicia.
Ano tras ano o festival medra para conseguir o seu obxectivo principal: facer do cine unha arte inclusiva.
Galician Freaky Film Festival (Vigo)
galicianfreakyfestival.com
Trátase dun evento de cinema e cultura freak de orixe totalmente galega.
Ao longo de tres días mostra unha insólita selección de pezas audiovisuais que habitualmente se ven privadas das canles habituais de distribución no Estado.
O festival é máis que un simple acontecemento cinematográfico; de feito, as proxeccións de películas son o epicentro de festas, concertos e actividades.
Curtas, Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa)
curtas.org
Desde a súa reconversión en 2016 Curtas tratou de dar cabida a todo tipo de ficcións e realidades que van máis aló do cinema, coa inclusión doutras disciplinas artísticas na súa programación coma a ilustración e a banda deseñada, a literatura ou mesmo a música.
O seu obxectivo é converterse nun motor da imaxinación e nun estímulo para a creatividade, tratando de transformar as ideas e trocar as realidades nunha válvula de escape que sirva para evadirnos.
Curtas presentará producións fantásticas de todo o mundo, que, en moitos casos, serán de rigorosa estrea no noso país, sen deixar de lado outros xéneros que se poderán gozar na sección do mesmo título.
Novos Cinemas (Pontevedra)
www.novoscinemas.com
O Festival Internacional de Cine de Pontevedra, Novos Cinemas, é un certame cinematográfico internacional. O seu principal obxectivo é detectar e difundir o talento das e dos cineastas emerxentes, principalmente no cinema de autoría, ademais da formación audiovisual da cidadanía.
O festival ten dúas seccións competitivas, ambas as dúas de ámbito internacional, Sección Oficial e Latexos, esta última destinada a visibilizar producións de factura máis fráxil e íntima. Poderán inscribirse todas aquelas longametraxes cunha duración superior a 60 minutos que sexan a primeira ou a segunda obra das súas realizadoras e realizadores.
Novos Cinemas #Lab ten por finalidade xerar unha área de asesoramento e orientación que favoreza a posta en marcha dos proxectos de realizadoras e realizadores noveis en calquera fase de desenvolvemento. O #Lab promove o encontro entre cineastas e axentes cualificados e especialmente sensibles a proxectos cinematográficos de natureza independente.
Curtas Armadiña (Combarro)
curtas.armadinha.gal
É un festival audiovisual organizado pola ACDeM Armadiña, con sede en Combarro.
O certame caracterízase pola vontade de difundir a linguaxe audiovisual en formato curtametraxe no contorno do municipio de Poio.
Entre os seus obxectivos están crear espazos de formación e reflexión, axudar a recoñecer o talento galego, contribuír á visibilidade da muller no sector audiovisual e de todas e todos os axentes que participan na realización dunha curtametraxe, ademais de establecer unha ponte entre o audiovisual e o público mozo e infantil.
Entre as súas Áncoras, os galardóns do certame, o Curtas Armadiñarecoñece o mellor vídeo musical en galego, que xorde en diálogo co evento musical que organiza a mesma asociación, o Armadiña Rock.
Na última edición o festival contou con Sección Oficial, Sección Animación e Sección Videoclip. O xurado oficial está composto por profesionais e o xurado novo, por alumnado do IES de Poio e o público.
O festival abrangue diferentes espazos do concello de Poio e na programación sempre se reserva un lugar para difundir os proxectos audiovisuais das persoas que habitan nos seus municipios ou que están relacionados con estes.
Este ano o certame non se realiza.