
#PontevedraProvincia
Proyecto “DA TÚA MAN” no rural
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
A Deputación de Pontevedra, tendo en conta as convocatorias de 2022 e 2023 que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicou no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, desenvolveu os proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), dirixidos a municipios de menos de 5.000 habitantes.
Estes proxectos buscan revitalizar a economía local, xerar oportunidades e fixar a poboación no rural, promovendo a creación de vínculos que favorezan o consumo de proximidade e os produtos locais. Con esta finalidade nace Move, a rede que conecta o comercio local.
Move é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e dos concellos adheridos para crear unha rede de comercio local na provincia que sirva para que as e os comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos coas e cos produtores e provedores locais.
Trátase dunha xanela para darse a coñecer, para compartir e para establecer novas relacións comerciais e de negocio. É a oportunidade de contar a historia da túa empresa.
Como podes ser parte de Move?
Para unirte á rede entra en move.gal e cubre o formulario. Tamén podes enviar un correo electrónico a move@depo.gal para recibir máis información.
OBXECTIVO E ÁMBITO DE ACTUACIÓN
“Da túa man” (rural I e II): visibilizar e modernizar o pequeno comercio local para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e do desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular (reducir a xeración de residuos e promover a súa reutilización e reciclaxe), así como dunha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecerlle un servizo óptimo á poboación local e que atraia visitantes.
Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e do produto de quilómetro cero para impulsar unha estratexia común que implique as comunidades locais e, da man dos concellos e da Deputación de Pontevedra, aproveitar as potencialidades e os recursos endóxenos (produtos locais, culturais e turísticos) destes termos municipais para favorecer a empregabilidade e a permanencia da veciñanza no territorio.
As actuacións levaranse a cabo en vinte e dous municipios da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes:
“Da túa man” (rural I): Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro.
“Da túa man” (rural II): A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.
ACTUACIÓNS QUE SE VAN DESENVOLVER
- TRANSFORMACIÓN DIXITAL. Deseñar e lanzar campañas de comunicación en soportes dixitais para visibilizar o comercio e os produtos locais, e promocionar a imaxe do comercio de proximidade, os produtos de calidade, a sostibilidade e a economía circular, así como experiencias turísticas vinculadas ao comercio local.
- TRANSFORMACIÓN DO PUNTO DE VENDA. Adaptar a accesibilidade á contorna comercial para garantir que os municipios teñan prazas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade e delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras.
Instalar sinalética integrada corporativa próxima á área comercial, con información sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes. - SOSTIBILIDADE E ECONOMÍA CIRCULAR. Crear e promover novos deseños de embalaxe sostible e reutilizable como alternativa ao plástico e ao papel para o comercio de proximidade.
Instalar illas ecolóxicas coa subministración de contedores necesarios para separar as diferentes fraccións de residuos, dotados dun panel con información para facilitar a identificación das diferentes fraccións de residuos e embelecer a zona con plantas ou peches vexetais.
Colocar dispositivos para reciclar residuos especiais cun sistema integrado para a recollida selectiva de pequenos residuos específicos e altamente contaminantes, coma pilas, lámpadas, baterías ou residuos electrónicos. - SUBMINISTRACIÓN E RASTREXABILIDADE. Crear unha rede de comercio local para integrar os axentes que o compoñen coas e cos produtores locais e provedores afíns co fin de establecer vínculos comerciais e estreitar e fortalecer as relacións de subministración, así como a súa configuración como unha comunidade de aprendizaxe, e tamén de compartir información e a visibilización dos produtos locais a través de videoexperiencias.
- SENSIBILIZACIÓN E FORMACIÓN. Realizaranse obradoiros dirixidos ás e aos comerciantes para axudar a potenciar os negocios de proximidade mediante a formación teórico-práctica en habilidades con ferramentas dixitais e en estratexias comerciais en internet para darse a coñecer, incrementar as vendas e fidelizar o público a través da venda en liña.
Tamén se organizarán obradoiros dirixidos ás e aos comerciantes e ás persoas consumidoras para contribuír á sostibilidade da actividade mediante accións que favorezan a economía circular.
DURACIÓN E PRAZO DE EXECUCIÓN DOS PROGRAMAS
“Da túa man” (rural I): trinta meses (desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 30 de xuño de 2024) prorrogado ata o 31 de decembro de 2024; o Ministerio notificoulle á Deputación de Pontevedra a resolución de concesión da axuda o 27 de febreiro de 2023.
“Da túa man” (rural II): dezaoito meses (desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de xuño de 2024) prorrogado ata o 31 de decembro de 2024; o Ministerio comunicoulle á Deputación de Pontevedra a resolución de concesión da axuda o 3 de novembro de 2023.
IMPORTE E FINANCIAMENTO DOS PROXECTOS
Distribución da achega | “Da túa man” (rural I) | “Da túa man” (rural II) |
---|---|---|
Achega do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (80 % orzamento financiable) |
499.972,00 € | 500.000,00 € |
Achega da Deputación de Pontevedra (20 % orzamento financiable) |
124.993,00 € | 0,00 € |
TOTAL | 624.965,00 € (*) | 500.000,00 € |
(*) A Deputación de Pontevedra fai unha achega a maiores, con fondos propios, de 159.940,00 € para a xestión do proxecto.
ADHESIÓN Á REDE DE COMERCIO LOCAL MOVE
Move é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e dos concellos adheridos para crear unha rede de comercio local na provincia, onde as persoas comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos con produtores e provedores locais.
Trátase dunha xanela para darse a coñecer, para compartir e para establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio. Terás a posibilidade de contar a historia do teu negocio impulsando o consumo de produtos de calidade, de proximidade e de quilómetro 0.
- Bases (BOPPO 09/04/2024)
- Tramitación en sede.depo.gal
- Folleto (pdf)
- Aprobación do listado para a rede do comercio local MOVE (15/07/2024)
- Ampliación dos códigos IAE das bases polas que se regula o procedemento e condicións para a adhesión (BOPPO 06/11/2024)
- Bases para a ahdesión á rede de comercio Local MOVE (11/11/2024)
- Aprobación adhesión Rede MOVE segundo listado (03/12/2024)