A Deputación aproba a prórroga do convenio co Concello de Pontevedra para as obras do novo campo de fútbol de Salcedo

Trátase dun proxecto que ten un orzamento de 1,9 millóns de euros e que está financiado ao 100% pola institución provincial

20/12/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe prorrogar o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para as obras de execución do novo campo de fútbol de Salcedo, financiadas integramente pola institución provincial cun investimento de 1,9 millóns de euros.

Como xa anunciara esta semana o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, debido a un retraso na subministración de materiais cos que poder completar a cuberta da rampla de acceso á grada, amplíase o prazo para rematar as obras, pasando do 31 de decembro anterior ata o 31 de outubro de 2025.

“Non podemos esquecer que con esta obra estamos a saldar, como ben dixo o vicepresidente, unha débeda histórica para Salcedo -asegurou o presidente provincial, Luis López-, xa que esta é unha infraestrutura deportiva moi demandada e moi esperada non soamente polos veciños da parroquia senón do conxunto da cidade de Pontevedra”.