A Deputación pecha este mércores no Museo de Pontevedra o ciclo Ao Son do Piano, cun concerto de Rafa Fernández Cuarteto

O grupo formado por Rafa Fernández, Bleuenn Lefriecc, Benxamín Otero e Álex Salgueiro móvese entre a música ambiental e a contemporánea e actuará o mércores ás 19:00 horas no Edificio Castelao. O acceso é libre ata completar a capacidade

24/03/2025

Javier Tourís en Nigrán

O Museo de Pontevedra pecha este mércores a segunda edición de Ao Son do Piano, un ciclo de concertos acústicos de música clásica contemporánea arredor do piano de cola do Museo. Logo da actuación de Suelen Estar Quartet o pasado sábado, é a quenda de Rafa Fernández Cuarteto, que actúa o mércores 26 ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

O guitarrista noiés Rafa Fernández lidera un cuarteto completado pola arpa de Bleuenn Lefriecc, o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero e o piano e os sintetizadores de Álex Salgueiro. Xuntos ofrecen unha exquisita mestura de sonoridades acústicas coma eléctricas, nun contexto de música ambiental e contemporánea, xéneros nos que este guitarrista leva máis de dez anos sendo unha das súas principais figuras no territorio galego.

Neste concerto repasaranse temas de traballos discográficos como Aldán ou A cara bonita da pedra, así como músicas escritas para diferentes proxectos audiovisuais cos que este músico percorreu gran número de escenarios na súa longa traxectoria.