Luis López compromete ao alcalde da Estrada o apoio da Deputación para executar a futura humanización da rúa Pérez Viondi

O presidente provincial recibiu ao rexedor Gonzalo Louzao, na súa primeira visita institucional como alcalde da Estrada ao Pazo provincial, e adiantoulle a asignación de 2,8 millóns de euros que lle corresponde ao Concello por parte da Deputación para o vindeiro 2025

21/12/2024

O presidente provincial recibiu ao rexedor Gonzalo Louzao

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprometeu o apoio do organismo provincial para executar o proxecto de humanización da rúa Pérez Viondi na Estrada. Un compromiso que saíu da primeira visita institucional ao Pazo provincial do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao. Un encontro no que ambos os mandatarios analizaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións e na o presidente provincial lle avanzou as previsións de investimento que a Deputación realizará na Estrada ao longo do ano 2025, que ascenden a 2,8 millóns de euros, a través de diversos plans.

A humanización da rúa Pérez Viondi, un viario que funciona como a principal rúa de acceso ao centro urbano desde o sur, é un dos principais obxectivos do goberno local para dar continuidade á mellora urbana da que foi obxecto o centro urbano da vila nos últimos anos. A humanización desta estrada de titularidade provincial (EP-7001) comprende un treito de 300 metros entre a Avenida Benito Vigo e estrada de Ouzande. Unha zona na que se localiza un centro educativo, polo que a obra requirirá reordenar os tráficos peonís e de vehículos para garantir unha mobilidade segura.

Ademais de estudar este proxecto, o primeiro encontro institucional entre López e Louzao serviu tamén para dar a coñecer os recursos que o ente provincial destinará ao Concello da Estrada no vindeiro ano a través dos distintos plans de cooperación, que ascenden a un total de 2,8 millóns de euros. Neste sentido, a través do +Provincia, o Concello da Estrada recibirá 1,7M€; polo segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas lle corresponden 201.000 euros; e ata 800.000 euros do Plan Extra.

Galerias de imaxes