Luis López anuncia un investimento de 1,35 millóns de euros na mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña

A Deputación financia o 100% dun proxecto que busca mellorar a funcionalidade e a seguranza viaria desta estrada tanto para vehículos como para peóns, nunha actuación altamente demandada pola veciñanza

20/12/2024

Conferencia prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación dun novo convenio co Concello de Moraña, a través do cal se destinarán 1,35 millóns de euros ás obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0503 Mané-Rebón. Unha obra financiada ao 100% pola Deputación, mentres que o Concello ten que facer fronte ás expropiacións, que ascenden a 16.000 euros. “Trátase dunha estrada na que non se actuou nos últimos oito anos, polo que esta era unha actuación altamente demandada pola veciñanza”, explicou López, que lembrou que o goberno provincial continúa traballando para “cumprir cos concellos e realizar as obras necesarias para reforzar o bo estado da rede provincial de estradas”.

En concreto, actuarase nun tramo de 1,3 quilómetros, no que se contempla unha renovación integral do firme. Ademais o proxecto contempla a mellora da funcionalidade e a seguranza viaria da estrada mediante a ampliación da sección transversal da vía e a corrección do trazado de diversas curvas, incrementando o seu raio e mantendo a rasante actual da estrada.

Desta maneira, proxéctase unha nova sección transversal da vía de 7,00 metros de ancho, con carrís de 3,00 metros e beiravías de 0,50 metros, mellorando así a seguranza viaria tanto para os vehículos como para os peóns que queiran utilizar as beiravías da estrada.

audios