A Deputación leva este domingo a Cerdedo a proxección de “Fatum” no marco do Ciclo Mestre Mateo
A película poderá verse no Centro Cultural de Cerdedo ás 18:30 horas
21/12/2024
O Centro Cultural de Cerdedo, en Cerdedo-Cotobade, acolle este domingo 22 de decembro ás 18:30 horas unha proxección cinematográfica da longametraxe “Fatum”, dirixida por Juan Galiñares e protagonizada por Luis Tosar, Álex García e Elena Anaya, entre outros. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.
“Fatum” narra a historia de Serxio, un home con problemas co xogo que, tras xurar que non volverá caer, recibe un aviso sobre un suposto amaño dun partido de fútbol. Incapaz de cumprir a súa promesa, regresa á casa de apostas coa intención de recuperar o diñeiro perdido. Cando se fai con el, Alexo irrompe armado no local, e Pablo, francotirador do GEO, recibe presións da comisaria Costa para prestar servizo no atraco. Pero a súa cabeza está no hospital, onde a vida do seu fillo pende dun fío. Un disparo mudará as súas vidas para sempre.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Fatum”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “Chichi e mais eu” e “Os espazos en branco”, así como sesións de curtametraxes.