A Deputación avanza a aprobación este venres do proxecto para investir máis de 1,3 millóns na mellora da EP-1002 Magdalena-Aldán, en Cangas do Morrazo

A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, e a veciñanza da vila, para anunciarlles que este mesmo venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará o proxecto de obra para a mellora do primeiro tramo da estrada

03/04/2025

Belén Cachafeiro mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido

A Deputación de Pontevedra avanza que vai investir máis de 1,3 millóns de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-1002 A Magdalena-Aldán, en Cangas do Morrazo. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, e a veciñanza da vila, para anunciarlles que este mesmo venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará o proxecto de obra que, entre outras cuestións, contempla  a creación dunha senda peonil e zonas de convivencia.

Belén Cachafeiro recordou que ata febreiro deste ano non foi posible avanzar no proxecto de mellora desta estrada provincial xa que desde a sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Cangas para poñer en marcha as obras, en agosto do pasado ano, o goberno local tardou seis meses en xestionar as cesións, emendar erros e achegar a documentación pertinente para o arranque do proxecto. "Desde entón, activamos todas as engrenaxes, mantivemos diferentes reunións con colectivos e coa veciñanza, para intentar que esta actuación atenda as súas necesidades e se poida executar canto antes", informou a deputada quen tamén trasladou a vontade do goberno provincial para actuar nun segundo tramo da estrada, aínda que dependerá da dispoñibilidade económica do Concello de Cangas para facer fronte á súa parte, segundo indicou na xuntanza a alcaldesa. Ademais, Cachafeiro comprometeuse a avanzar na execución de cunetas cara o verán nun tramo de Herbello, para atender as peticións dos veciños, ao abeiro do acordo marco da Deputación.

A actuación de mellora no primeiro tramo da estrada provincial EP-1002 A Magdalena-Aldán ascende a 1,3 millóns de euros dos que a Deputación aporta o 80%, máis dun millón de euros, e o Concello o 20% restante, preto de 270.000 euros. Mediante esta actuación vanse mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para peóns e vehículos entre o punto quilométrico 0+000 e o 1+850 cunha senda peonil e, nos treitos onde non sexa posible executar a senda polo ancho da vía, con zonas de convivencia. Ademais, melloraranse os servizos afectados pola execución das obras.

Segundo detallou Belén Cachafeiro, con esta actuación "seguimos avanzando na actualización da rede provincial de estradas, unhas infraestruturas fundamentais na vertebración do noso territorio, sobre as que estamos traballando, investindo recursos como nunca antes se fixera, para que se atopen nun estado óptimo e garantir, así, a seguridade das persoas que as empregan, tanto peóns, como vehículos".