A Deputación aproba o proxecto para mellorar con 260.000 € a iluminación pública da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei, en Cerdedo-Cotobade

O obxectivo é mellorar a iluminación nos itinerarios peonís e na zona de tránsito motorizado no primeiro quilómetro e medio da estrada, unha actuación que se suma ao preto dun millón de euros que se está a investir xa na mellora da mobilidade da vía

04/04/2025

Conferencia de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o proxecto para avanzar na reforma da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei. Nesta ocasión, o obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil mediante a iluminación pública, unha actuación que se executará no primeiro quilómetro e medio da estrada e que ten un orzamento de 260.000 €, dos que a Deputación achega o 70%, é dicir, 180.000 €, e o Concello o 30% restante, 80.000 €.

Uns recursos que, como recordou Luis López, se suman ao case millón de euros (665.000 euros achegados pola Deputación e 285.000 polo Concello) que a Deputación xa está a investir neste tramo desta estrada provincial  e que servirán para mellorar o alumeado tanto nos itinerarios peonís como na zona de tránsito motorizado. É dicir, 1,2 millóns de euros para transformar completamente esta estrada provincial e "seguir avanzando no noso obxectivo de manter en óptimo estado a rede de vías da Deputación, fundamentais na vertebración do noso territorio", asegurou López.

A través desta actuación preténdese solucionar os problemas de seguridade viaria detectados na estrada provincial, ao existir niveis moi baixos de iluminación na plataforma da vía debido, en grande medida, a que as instalacións existentes son obsoletas, ineficaces e insuficientes segundo as actuais demandas sociais, enerxéticas e medioambientais.

videos

audios