A Deputación leva ao Museo de Pontevedra o espectáculo de Raquel Queizás para toda a familia sobre Alice Guy, a pioneira do cinema

‘Cinema de historias da man de Alice Guy’ está programado para o venres 27 de decembro ás 18:00 h no Edificio Castelao

25/12/2024

Raquel Queizás

O Museo de Pontevedra ofrecerá o venres 27 de decembro, ás 18:00 h no Edificio Castelao o espectáculo ‘Cinema de historias da man de Alice Guy’, posto en escena pola narradora Raquel Queizás. Trátase dunha proposta escénica para toda a familia que forma parte da programación de Nadal do Museo de Pontevedra, que inclúe exposicións, visitas guiadas, obradoiros, espectáculos e concertos.

‘Cinema de historias da man de Alice Guy’ é un espectáculo no que se mestura narración con teatro e cinema para espertar nas nenas e nenos o amor por este, ademais de descubrirlles o poder que teñen as imaxes para transmitir historias. Todo da man de Alice Guy, a nai do cinema, unha pioneira un tanto esquecida que foi a primeira persoa en dirixir cine de ficción contando unha historia, ademais de actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara produtora, maga e moito máis. Raquel Queizás ofrécenos a posibilidade de viaxar no tempo para ver fragmentos das súas primeiras películas e coñecer a vida dunha muller fascinante inxustamente esquecida.

A programación de espectáculos para toda a familia no Museo continúa a próxima semana con dúas representacións máis. O xoves 2 de xaneiro, a compañía Píscore pon en escena ‘Molto barroco’, unha divertida montaxe que transita entre o teatro, a música barroca, a comedia e a participación do público. E o venres 3 é a quenda dos monicreques, con Tarabelos e ‘Un Nadal cheo de contos’. Todos estes espectáculos son de balde, ata completar a capacidade.