A Deputación publica as bases da segunda edición do programa Vive o Rural, co dobre de financiamento para realizar visitas a granxas escola situadas na provincia

De cara a 2025 o programa contará con 60.000 euros, respondendo á grande acollida da primeira edición, que esgotou o seu crédito en cuestión de horas

12/12/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases da segunda edición do programa Vive o Rural, co dobre de financiamento  para realizar visitas a granxas escola situadas na provincia. Esta nova edición da iniciativa, coa que o alumnado dos centros escolares públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes poderán realizar visitas a granxas escola da provincia, contará de cara a 2025 con 60.000 euros por mor da grande acollida que tivo o primeiro Vive o Rural, que esgotou todo o crédito dispoñible en cuestión de horas.

Poderán ser beneficiarios de Vive o Rural tanto os propios centros (de educación infantil, primaria e secundaria) como as ANPA legalmente constituídas, que recibirán ou máximo de 1.250 euros (25 € por alumno ata un máximo de 50) co obxecto de financiar o custo das entradas ás instalacións (que poden incluír a comida) e os gastos de desprazamento en transporte colectivo. As solicitudes poderanse realizar a comezos do ano vindeiro, entre o 13 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2025 e as saídas poderanse realizar en calquera das cinco granxas escola situadas na provincia: Serantellos, en Cambados, Fervenzaventura, en Silleda, Kiriko, en Fornelos de Montes, Corazón de Carballo, en Tomiño, ou Río Mouro, en Poio.

Nas saídas de Vive o Rural realizaranse actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos, todas elas coa finalidade de que a rapazada se achegue á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquira coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos, a vida dos animais, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario. Ademais, a posta en valor do mantemento da biodiversidade, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia. O ano pasado recibíronse solicitudes de 44 centros e ANPA de 21 concellos da provincia, coa participación de 1.500 nenos e nenos de 25 centros.