Magnolio de Valle Inclán

Magnolio de Valle Inclán
  • Especie: Magnolia grandiflora L.
  • Familia: Magnoliaceae
  • Altura: 14,90 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 3,60 m
  • Diámetro da copa: 16,60 m
  • Idade estimada: 200 anos
  • Concello: Vilanova de Arousa
  • Parroquia: San Cibrán de Vilanova de Arousa
  • Lugar: pazo do Cuadrante
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T514167; 4712308
  • Coordenadas Google: 42.56304769424032, -8.827398705713989

O monumental magnolio crece na parte xeométrica do xardín primitivo, do século XIX, do pazo do Cuadrante, acompañado por sebes de buxo (Buxus sempervirens), un teixo (Taxus baccata), unha michelia (Magnolia figo), unha árbore de Xúpiter (Lagerstroemia indica) e catro exemplares de camelia (Camellia japonica).

A base do tronco está rodeada dunha maraña de raíces que se atopan ao descuberto e que forman un pé moi vistoso, que ademais está revestido de grandes contrafortes que ascenden verticais, a modo de piares, desde o chan ata a cruz. Esta fórmase a unha altura de 3,90 m, onde nacen grandes brazos, algúns dos cales crecen inicialmente paralelos ao chan, o que orixina unha característica ramificación en candelabro.

Esta árbore xa se citaba no Inventario de árboles sobresalientes de España, realizado polo ICONA en 1975, e no Inventario de árbores sobresalientes de Galicia de 1985; porén, non está incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras (Decreto 67/2007).