Ciprés de Lawson do monte Aloia
- Especie: Chamaecyparis lawsoniana (A. Murr.) Parl.
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 31,50 e 29,10 m
- Perímetro do tronco (1,30): 2,05 e 1,98 m
- Diámetro da copa: 7,40 e 6,90 m
- Idade estimada: 80-100 anos
- Concello: Tui
- Parroquia: San Bartolomeu de Rebordáns
- Lugar: Parque Natural Monte Aloia
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T525825;4658601
- Coordenadas Google: 42.07905656916433, -8.687783637615581
Trátase dunha especie orixinaria do noroeste dos Estados Unidos, onde forma bosques espesos nas montañas de Oregón e do norte de California. Foi descuberta en 1824 e introducida en España a finais do século XIX.
No Parque Natural Monte Aloia podemos contemplar un fermoso conxunto de exemplares formado por uns cen individuos, aproximadamente. Atópanse nunha forte pendente, polo que as bases dos troncos dunha gran parte destas árbores están torcidas e viran para dirixirse en busca da escasa luz que penetra entre as copas das súas conxéneres. As copas son irregulares e pouco frondosas pola gran competencia de espazo á que están sometidas.
