Abetos de Douglas do monte Aloia
- Especie: Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco
- Familia: Pinaceae
- Altura: 38,00 e 38,50 m
- Perímetro do tronco (1,30): 4,42 e 3,37 m
- Diámetro da copa: 15,30 e 15,40 m
- Idade estimada: 110 anos
- Concello: Tui
- Parroquia: San Bartolomeu de Rebordáns
- Lugar: Parque Natural Monte Aloia
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T525887;4658655
- Coordenadas Google: 42.07954087357766, -8.687031697552431
O interese desta especie como árbore forestal xa era sobradamente coñecido polo ilustre enxeñeiro de montes galego Rafael Areses, que en 1926 aconsellaba a súa introdución e cultivo nos deforestados montes galegos. É unha árbore orixinaria do oeste de América do Norte, desde a Columbia Británica, no suroeste do Canadá, ata a zona central de California, no suroeste dos Estados Unidos.
No Parque Natural Monte Aloia atópanse os que posiblemente sexan os exemplares de maiores dimensións da provincia. Son árbores que medraron cunha gran competencia espacial, o que condicionou en gran medida a súa arquitectura e o seu crecemento. Con alturas superiores a trinta e oito metros, non amosan ramas vivas ata superados os tres metros, en parte pola competencia antes mencionada, aínda que tamén inflúe a boa poda natural desta especie. As súas copas son moi frondosas e están formadas por ramas que se distribúen de forma radial arredor dos troncos.
