Abeto de Masjoan do monte Aloia

Abeto de Masjoan do monte Aloia
  • Especie: Abies x masjoannis D. Soto et al. (A. alba Mill. x A. pinsapo Boiss)
  • Familia: Pinaceae
  • Altura: 24,40 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 3,90 m
  • Diámetro da copa: 20,25 m
  • Idade estimada: 100 anos
  • Concello: Tui
  • Parroquia: San Bartolomeu de Rebordáns
  • Lugar: Parque Natural Monte Aloia
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T526522;4659231
  • Coordenadas Google: 42.08470736586474, -8.679328677786819

A orixe deste taxon áchase no predio de Masjoan, situado no centro do macizo do Montseny, Girona, unha masía con máis de 300 anos de antigüidade. A mediados do século XIX Joan Masferrer i Barnils decidiu crear un viveiro e fixo a primeira plantación de varios abetos, entre os que se atopaban o pinsapo (Abies pinsapo) e o pinabeto (A. alba), que se hibridaron e deron lugar ao abeto de Masjoan. O seu bisneto, Jesús Masferrer, descubriu un exemplar que non era nin pinabeto nin pinsapo e púxolle o nome de masjoani.

No monte Aloia crece o abeto de Masjoan de maiores dimensións dos coñecidos en Galicia. O tronco bifúrcase a 1,30 m de altura en dous grandes brazos que crecen case paralelos no medio dun arboredo de gran frondosidade. Os seus fustes (ramificacións do tronco) mostran pequenos tocos sen cicatrizar, como testemuñas das ramificacións que un día poboaron as zonas baixas do tronco do exemplar. A súa copa é de perfil globoso, moi irregular pola competencia mencionada.