Fento do botón

Woodwardia radicans (L.) Sm.

Fento do botón

Familia:Blechnaceae

Fento

Esporulación: de abril a agosto

Orixe: Macaronesia, norte de África, norte da península ibérica, Córcega, Sicilia e sur de Italia. En Galicia pódese atopar na franxa costeira: cara ao interior polos vales dos ríos Eume, Landro e Eo, na serra da Capelada e nos ríos Lambre e Mandeo; máis ao sur, en Noia, A Barbanza, Lourizán e Oia, sempre a salvo das xeadas do interior

Porte: planta vivaz de porte rechamante e robusto, de gran tamaño

Follas: frondes monomórficas de ata 3 m de lonxitude, lámina de triangular a ovado-lanceolada, coriácea, verde brillante, dividida dúas veces (bipinnada), primeiro en pinnas alternas e despois en pínnulas puntiagudas, finalmente serradas nos seus bordos e notablemente nervadas; arqueadas, coa parte apical en contacto co chan, onde produce bulbilos, singulares órganos de multiplicación vexetativa, a partir dos que desenvolven novas plantas

Outros datos: Soros: situados no envés da fronde, oblongos, de cor marrón, protexidos por un indusio convexo e coriáceo, dispostos en dúas filas paralelas a ambos os lados do nervio central das pínnulas, coma se fosen un pespunte, tan remarcado que o seu debuxo se aprecia claramente na parte superior da fronde.

Utilidades: cultívase en moitos países de todo o mundo debido ao valor estético e ornamental que lle confiren as súas grandes frondes. Na actualidade estanse a realizar estudos para determinar o poder hiperacumulador desta planta, é dicir, a capacidade de acumular, sen que lle resulten tóxicos, altos niveis de contaminantes: zinc, cadmio, chumbo... De confirmarse esta capacidade, podería empregarse para a limpeza de solos contaminados con estes metais pesados

Necesidades: require climas húmidos e tépedos, e instálase en zonas con microclimas especiais: noiros arxilosos, húmidos e sombríos, baixo o dosel arbóreo doutras especies coma abeleiras, salgueiros, freixos e ameneiros, onde a atmosfera está saturada de vapor de auga