Carballo

Quercus robur L.

Carballo

Familia:Fagaceae

Árbore caducifolia

Floración: de marzo a maio

Especie monoica, con flores unisexuais

Orixe: Centro, oeste e norte de Europa, ata Os Balcáns, os montes Urais e O Cáucaso. Atópanse en vales e montañas litorais, en zonas cun período seco moi curto e cun clima húmido e oceánico, desde o nivel do mar ata os 1.000 m de altitude

Porte: pode acadar os 45 m

Follas: caducas, lobuladas, glabras, máis claras polo envés; de 5 a 18 cm de lonxitude e de 3 a 10 cm de ancho

Froito: denominado landra, dispón dun pedúnculo longo e dunha cúpula de escamas imbricadas. Son froitos de 2 a 4 cm de lonxitude e de 8 a 18 mm de ancho; maduran ao final do verán e caen a principios do outono

Flor: amentos masculinos illados de 5 a 13 cm de lonxitude; flores femininas en grupos de 2 a 3 sobre un longo pedúnculo

Outros datos: a súa cortiza é agrisada, bastante lisa, que remata por gretar e escurecer coa idade

Utilidades: a súa madeira é de moi boa calidade e de difícil putrefacción, mesmo na auga, polo que foi e é usada para a construción naval, en ebanistería, na fabricación de mobles, en tornería, na talla de esculturas ou en tonelería. Hai exemplares de grandes dimensións distribuídos por toda Galicia, algúns deles incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras. É unha especie moi lonxeva que pode acadar os 500 anos de idade. Tamén se usa con fins ornamentais. As súas landras forman parte da alimentación de moitos animais

Necesidades: require climas húmidos con influencia fría, precipitacións anuais de entre 900 a 1.350 mm e preferentemente exposición ao sol. Crece en solos profundos, neutros, con humidade e ricos en materia orgánica. Resiste xeadas e ventos fortes, a proximidade ao mar e tamén a contaminación urbana, pero non tolera a industrial