Braquiquito branco (cast. braquiquito blanco, árbol botella)
Brachychiton populneus (Schott & Endl.) R.Br.
Familia: Malvaceae
Árbore semiperenne
Orixe: Australia.
Porte e altura: pode acadar os 12 m de altura. Ten o tronco recto, cilíndrico ou bulboso e a copa é densa, entre redondeada e piramidal.
Follas: medianas, de 6 a 12 cm, alternas, cun pecíolo longo, de cor verde escura brillante na parte superior e máis pálida polo envés, de ápice acuminado e con formas variadas incluso nunha mesma árbore: ovado-lanceoladas, cordiformes ou ocasionalmente romboides, ás veces con tres ou incluso cinco lóbulos.
Flores: inflorescencia en panículas axilares conformadas por flores unisexuais, pequenas, acampanadas, de cor verde clara ou crema no exterior e verde clara con puntos vermellos dispostos en maior ou menor cantidade no interior. As flores femininas posúen un ovario pubescente e as masculinas, arredor de vinte estames. Florecen na primavera
Froito: folículo elíptico-oval (de ata 7 cm de lonxitude) e glabro. Cada froito contén entre 4 e 20 sementes de cor amarela intensa, pubescentes.
Outros datos: a súa cortiza é lisa e de cor castaño verdosa, que se fisura verticalmente co paso dos anos. Perde algunhas follas ao chegar o tempo frío en función da intensidade. Os peliños que recobren as sementes son irritantes ao tacto.
Utilidades e curiosidades: especie empregada exclusivamente como árbore ornamental en España. É habitual usala en plantacións lineais ou de forma illada. É unha árbore que proporciona sombra, por iso adoita plantarse en beirarrúas, camiños ou sendeiros. O pobo aborixe en Australia aproveitaba as sementes despois de tostalas para comelas, as follas como alimento para o gando e a madeira para fabricar escudos e outros utensilios.
Necesidades e cultivo: árbore de rápido crecemento, tolera moitos tipos de solos, sempre que a drenaxe sexa boa, e tamén a seca e o frío, se este non é moi intenso. Prefire exposicións soleadas ou de media sombra.