#IGUALDADE

Campaña con motivo do 25N

Deputación de Pontevedra

Dia Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

ROMPE O SILENCIO. ESCOITA O CAMBIO


A violencia machista formou parte da vida cotiá das mulleres ao longo do tempo, unha violencia normalizada e naturalizada como tal, o que provocou a súa invisibilidade e ocultación. Sen dúbida, o silencio foi o seu mellor aliado.

En 1993, a ONU ratificou a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller, na que se define a violencia contra a muller como “todo acto de violencia que teña ou puidese ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se produce na vida pública coma na vida privada.”

Con este evento, nomeouse unha realidade que lles afecta directamente á liberdade e aos dereitos da metade da poboación: as mulleres.
É un feito contrastado que as mulleres sofren violencia polo simple feito de selo. Este tipo de violencia, que é o que chamamos violencia de xénero, presenta moitas facianas —psicolóxica, sexual, económica, física…—, das que o asasinato é a máis visible. Non é un feito illado, é un problema da nosa sociedade, e, como parte dela, temos que formar tamén parte da solución, temos que formar parte activa do cambio.

Se ben é certo que nas dúas últimas décadas a visibilización do fenómeno, a concienciación no seu rexeitamento e a especialización, coa conseguinte mellora, da atención ás mulleres que a sofren, consolidouse grazas ao traballo impulsado e reivindicado desde o feminismo e levado a cabo desde as administracións. Non obstante, os resultados non son os desexados; os avances son un feito, pero no son suficientes.

Tal e como se recolle na normativa vixente, é responsabilidade destes poderes públicos habilitar todos os recursos necesarios para garantir a atención integral, a investigación e a análise desta realidade. Coñecer as súas causas e características, analizar a resposta actual, así como o sentir da cidadanía con respecto a esta problemática, son fundamentais para artellar unha resposta que verdadeiramente actúe contra os alicerces que sustentan a violencia machista.

Se queremos avanzar cara a unha sociedade xusta, igualitaria e libre de violencias, temos que facer un diagnóstico do contexto actual que nos facilite as claves para artellar a resposta máis acaída.

Un síntoma evidente desta necesidade é que, despois de máis de dúas décadas implementando políticas de igualdade, a mocidade non amosa un rexeitamento unánime fronte a estes comportamentos, como cabería esperar; é máis, destaca a proliferación de grupos de varóns que non só non verbalizan claramente o seu rexeitamento, senón que organizan unha resposta colectiva e contestan de forma contundente a todo o que teña que ver co “feminismo”.

O escenario é o mesmo, a violencia é unidireccional cara ás mulleres, pero as ferramentas empregadas mudaron. Se queremos conseguir un cambio real, debemos identificar, estudar e visibilizar esas novas fórmulas. Temos que poñer o foco nas novas estratexias que lles serven de alianzas aos comportamentos machistas e que os naturalizan. Un exemplo destas alianzas é o mal uso do progreso, concretamente das redes sociais, que perpetúan o modelo de masculinidades tóxicas ao tempo que afianzan os argumentos que sustentan o espellismo da igualdade con mensaxes falsas co fin de ofrecer argumentos contraditorios atacando as liberdades das mulleres.

Sen dúbida, a prevención e a sensibilización desde a educación debe ser un dos piares nesta carreira de fondo que ten como meta o cambio.

Como sociedade, temos que deixar de lado discursos enfrontados ou apropiacións partidistas e liderar ao unísono este traballo, que ten como obxectivo o cambio.

Desde hai máis de dúas décadas, o 25 de novembro conmemórase o Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta conmemoración debe servirlle a toda a sociedade para romper co silencio cómplice e visibilizar que calquera tipo de violencia sobre a muller supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos, non só das mulleres, senón tamén das súas fillas e fillos, vítimas directas desta violencia.

Co obxectivo de romper este silencio e de amosar as claves que favorezan ese cambio necesario, a Deputación de Pontevedra, continuando co seu compromiso de traballar en prol da igualdade de oportunidades de mulleres e homes os 365 días do ano, acaba de poñer en marcha unha serie de iniciativas.

Documentos