A Deputación arranca mañá, 1 de agosto, coas visitas guiadas á exposición ‘A era das fábulas’, que terán lugar todos os xoves ás 18:00 horas

O acceso ás visitas, que están programadas ata o vindeiro 26 de setembro, é libre e sen necesidade de reserva previa

31/07/2024

a era das fábulas

A partir deste xoves 1 de agosto e ata o 26 de setembro, o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 horas, unha visita guiada á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.

‘A era das fábulas’ é unha exposición na que as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary establecen unha conversa desde a heteroxeneidade dos seus fondos para, a través da arte, resaltar a inmensa forza que a transmisión oral ten na nosa cultura. A exposición ‘A era dás fábulas. Pode visitarse ata o 29 de setembro.

A exposición vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade. A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría. A arte, do mesmo xeito que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada e reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.

A mostra está comisariada por Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary) e Ángeles Tilve (Museo de Pontevedra).

Outras actividades relacionadas

Ademais das visitas guiadas, están previstas unha serie de actividades relacionadas. Este sábado desenvolverase o terceiro dos obradoiros dirixidos a público familiar impartidos por Taller Aberto, cada un deles dedicado a un acto da exposición. En setembro haberá novas quendas destes obradoiros.

Tamén os talleres de verán previstos en agosto articularanse ao redor dos contidos da mostra: as dúas primeiras semanas, traballarán a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, da man de Leucoíña Pasea; e as dúas últimas, achegaranse á historia e a creación de mosaicos con 42º Noroarte, baixo a inspiración do mosaico de Baco sobre unha pantera presente na exposición.

O 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas. Está pendente de concretar a data na que arrincarán as visitas guiadas á exposición, que terán lugar os xoves ás 18:00 h.