A Deputación lanza o novo programa “Vive o rural” para que escolares desfruten de visitas de educación ambiental a granxas escola da provincia
Cun orzamento de 30.000 euros, o programa busca servirlle de apoio ao labor educativo dos centros de ensino e fomentar entre a rapazada a curiosidade natural e o respecto pola cultura e o medio
04/04/2024
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe as bases do novo programa “Vive o rural”, co que a Deputación busca ofrecerlles aos escolares a oportunidade de realizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia. O programa, que conta cun orzamento de 30.000 euros, busca servirlles de apoio ao labor educativo que se desenvolve nos centros de ensino e fomentar entre a rapazada a curiosidade natural e o respecto pola cultura e o medio.
“Vive o rural” está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás asociacións de nais e pais (ANPA) destes centros educativos, que recibirán unha subvención máxima 1.350 euros (25 euros por alumna ou alumno) para que poidan organizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia (Serantellos, en Cambados; Fervenzaventura, en Silleda; Kiriko, en Fornelos de Montes; Corazón de Carballo, en Tomiño; ou Río Mouro, en Poio). As visitas consistirán en pasar un día realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos, xogos ou calquera outra actividade de natureza análoga.
O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna xeográfica, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras, e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que nela habitan, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia de Pontevedra.
As axudas poderán destinarse a financiar o custo da entrada ás granxas escola, así como os gastos de desprazamento de ida e volta entre o centro educativo e o espazo escollido. As bases do programa poden consultarse no BOPPO, e o prazo para presentación de solicitudes comezará o vindeiro 15 de abril e estará aberto ata esgotar o crédito dispoñible.