A Deputación comeza coas obras de conservación e restauración do cruceiro das Ruínas de San Domingos

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, recordou que se trata “dun dos poucos cruceiros góticos existentes en Galicia, unha peza moi delicada cunha gran colonización biolóxica que, ademais do impacto estético, está a producir danos no material pétreo”

15/04/2024

Comeza as obras de conservación e restauración do cruceiro das Ruínas de San Domingos

A Deputación de Pontevedra comezou este mesmo luns coas obras de conservación e restauración do cruceiro das Ruínas de San Domingos. Trátase, tal e como recordou o vicepresidente, Rafa Domínguez, “dun dos poucos cruceiros góticos existentes en Galicia, unha peza moi delicada cunha gran colonización biolóxica que, ademais do impacto estético, está a producir danos no material pétreo”. A actuación de limpeza e posta en valor do cruceiro, cunha tramitación lenta debido á implicación de varias administracións, está previsto que remate nunha semana.

As tarefas que se realizarán en San Domingos consistirán nunha mínima intervención para favorecer o mantemento e a conservación preventiva. Limparase en seco o cruceiro e eliminaranse os depósitos de aves, plantas e briófitas. A colonización biolóxica eliminarase con tratamento específico e retirarase e rebaixarase a reconstrución de cemento no pedestal. Tamén se realizará un rebaixe do terreo sobre o que se asenta o pedestal do cruceiro para deixar as súas letras talladas á vista.

Na actualidade o cruceiro presenta sucidade superficial debido a partículas exóxenas como po ou terra e contaminantes atmosféricos, así como deposicións das aves que se pousan nel para descansar. Ademais, a alta humidade provocou o desenvolvemento de liques, briófitas e plantas superiores que están a danar a pedra e a provocar unha alteración cromática.

O cruceiro das Ruínas de San Domingos atópase no lateral norte do xardín perimetral. Consta de cruz, de estilo gótico, capital, varal e pedestal ou dado. Orixinalmente estaba situado ao carón da igrexa de San Bartolomeu o Vello, pero, tras a súa destrución, trasladouse á actual localización.