Luis López destaca o investimento de 615.000 € na mellora da mobilidade peonil na EP-6007 en Lalín como mostra do compromiso coa rede viaria provincial e co municipalismo

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, asina co alcalde de Lalín, Jose Crespo, un convenio para construír unha senda peonil e mellorar a seguridade viaria nun treito de 300 metros na localidade de Cercio

22/11/2024

Luis López co alcalde de Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca os preto de 615.000 euros destinados á mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6007, ao seu paso pola localidade lalinense de Cercio, como unha nova mostra do compromiso do goberno provincial coa modernización da rede viaria e da cooperación cos concellos. Acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, o mandatario provincial vén de asinar este venres co alcalde de Lalín, Jose Crespo, o convenio para a construción dunha senda peonil nun treito de 300 metros desta estrada para o que a Deputación achega o 70 % do custo total da obra, uns 430.000 euros.

“Estamos diante dunha nova mostra de que a Deputación é unha administración que cumpre coas súas competencias en mantemento e mellora de estradas, e neste punto a deputada Isabel Couselo está a facer un labor exhaustivo, fundamental e imprescindible; que cumpre co seu deber de cooperar cos Concellos; e que cumpre coa súa vocación de modernizar servizos e infraestruturas”, afirmou o presidente Luis López antes de asinar o acordo.

O proxecto céntrase nun treito de 300 metros da EP-6007, que conecta as localidades Goleta e Brántega, ao seu paso polo núcleo poboacional de Cercio. Nesta zona habilitarase unha senda peonil para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores, así como unha zona de convivencia con preferencia para as persoas. A actuación conlevará a implantación de velocidade reducida e elementos de calmado de tráfico, así como a mellora da imaxe da estrada a través do soterramento das liñas eléctricas e demais servizos urbanos.

Non é a primeira acción de colaboración entre a Deputación e o Concello de Lalín en materia de insfraestruturas viarias. Recentemente deuse por rematada a obra de mellora da EP-6005 en Lalín cun investimento total de 324.000 euros, dos que o ente provincial achegou o 80 %; ou a mellora pavimento en distintos treitos das estradas EP-6002, EP-6007 ou EP-6009 ao abeiro do acordo marco de conservación de firmes cun investimento de máis de 280.000 euros. Do mesmo xeito, estanse a tramitar outras actuacións como a mellora da seguridade viaria na EP-6004 entre Prado e Vilatuxe e na EP-6001, entre Lalín, Botos e Gresande.

 

Galerias de imagenes