Luis López reivindica que a Deputación é aliada do progreso do Deza a través da suba dos apoios ás cooperativas agrícolas ou as novas axudas para formación

O presidente provincial sinala o incremento do orzamento para Promoción do Emprego nun 7,5% ou os plans de investimento municipalistas como bazas provinciais na xeración de actividade económica

23/11/2024

Luis López na xuntanza empresarial de AEDEZA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou este sábado que o goberno provincial é un aliado do progreso económico da comarca do Deza a través de medidas que teñen impacto notable nese territorio e que se porán en marcha en 2025, como o incremento do 40% das axudas destinadas a cooperativas agrícolas ou a implantación dunha nova liña de axudas para formación laboral dotadas con 150.000 €. “A Deputación ten competencias limitadas en economía, pero hainas, e coido que as estamos empregando con criterio”, subliñou, no transcurso da Xuntanza que anualmente celebra a Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza).

“Nunca fallei a esta cita, nin como alcalde nin como delegado da Xunta nin como presidente da Deputación”, incidiu o presidente, nunha intervención na que eloxiou o labor de Aedeza desde a súa orixe en 1993 e repasou algunhas das iniciativas que a Administración provincial está a despregar para, entre outros obxectivos, estimular a economía. Así, fixo referencia ao desenvolvemento dos plans +Provincia, os dous de infraestruturas deportivas e o novo Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra para inxectar actividade, a atracción a Lalín de eventos como o partido da selección absoluta de balonmán (Los Hispanos) ou os vindeiros premios Mestre Mateo; o viveiro de empresas provincial no polígono Lalín 2000 ou a suba do orzamento de Promoción de Emprego nun 7,5% para 2025.

Neste senso, fixo referencia na suba das axudas ás cooperativas agrogandeiras, que terán á súa disposición 350.000 € co novo orzamento, e nova liña de axudas á formación de 150.000 €, que xurde da escoita activa ás necesidades das asociacións do sector empresarial.

Eloxio aos emprendedores

López tivo palabras de eloxio para o tecido empresarial e, nomeadamente, para os emprendedores do Deza distinguidos pola asociación. “Este Lalín tería sido ben distinto sen todos os que formades Aedeza. Distinto, por non dicir peor. Nós poñemos un gran de area pero vós sodes os protagonistas. Embutidos Lalinense, Aspeza, Odaiko, Densoplast, Clínica Deza, Viralatas, Estalitroque, Restaurante Asturiano ou Librería Dalvi... Son os auténticos heroes no sempre competitivo mercado. Heroes con denominación de orixe Deza”.

O presidente da Deputación subliñou a necesidade de velar pola competitividade das empresas para fixar poboación nos territorios e xerar progreso. “Os sistemas que carecen de empresas ou que as torpedean sabemos como funcionan: mal. Sen empresas non hai economía competitiva nin ingresos, e sen ingresos non hai servizos públicos de calidade”, sentenciou.

 

Galerias de imagenes