Xosé Enrique Acuña conducirá este venres unha última visita guiada á exposición ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’

A visita co comisario da mostra será o venres 31 de maio ás 19:00 h, e non será necesaria a inscrición previa

30/05/2024

imaxe da exposición de Castelao

Aproveitando os últimos días antes de que peche no Museo de Pontevedra a exposición ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’, o seu comisario, Xosé Enrique Acuña, conducirá unha última visita guiada á mostra. Será o venres 31 de maio, ás 19:00 h. Esta visita súmase á que ofrecerá o departamento de Educación hoxe ás 18:00 h. En ambos casos o acceso á visita é libre, sen necesidade de inscrición previa.

A exposición sobre o retorno a Galicia dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao artéllase arredor da crónica fotográfica daquel 28 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. Incorpora tamén obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para contextualizar os anos de exilio do intelectual galeguista. A mostra clausúrase este domingo 2 de xuño.

Xosé Enrique Acuña é xornalista, editor, escritor e comisario de exposicións, ademais de autor dunha fotobiografía de Castelao, publicada no ano 2000 en A Nosa Terra. Nesta exposición concibiu un percorrido visual do acontecido aquel día a través de 52 fotografías realizadas por Xan Carballa nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os feitos principais: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde ao fin foi cerimoniosamente soterrado. A exposición inclúe ademais un espazo que ofrece o contexto necesario para entender o cosmos de Castelao e, en particular, os seus anos de exilio nos Estados Unidos, Cuba e Arxentina.