A Deputación abre este martes as inscricións para a nova xeira de visitas guiadas ao convento de Santa Clara

As visitas terán lugar os días 7, 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño e as solicitudes realizaranse a través do sitio web do Museo de Pontevedra

26/05/2024

A Deputación de Pontevedra abre este martes 28 de maio ás 9:00 horas as inscricións para asistir á nova xeira de visitas guiadas que realizará durante o mes de xuño ao recinto conventual de Santa Clara. As xornadas de portas abertas ao inmoble terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas, e a asistencia poderase solicitar a través do sitio web do Museo de Pontevedra.

As visitas guiadas estarán a cargo do persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra e realizaranse en grupos de 20 persoas cunha duración dunha hora. O percorrido iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse estancias como o coro baixo, o coro alto e mais o claustro. Ademais, as visitas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta como o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o seu muro están catalogados como bens con protección para a conservación monumental. A súa historia remóntase ao ano 1271, segundo a ficha do catálogo municipal, aínda que a primeira referencia directa documental do convento data de 1293, nun documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra que fai referencia á doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara. No século XIV constrúese a Igrexa, de estilo gótico, que conta cun importante conxunto de retablos barrocos.

O xardín é o grande atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que medra unha gran cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta coa horta na que as monxas cultivaban e producían produtos, na que destacan as vides para a produción de viño.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.