A Deputación desprega en Silleda o seu servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos

Os técnicos do SEVIC visitarán uns 70 establecementos comerciais co obxectivo de que sexan parte activa na xestión responsable dos bidorresiduos e axudar os gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación

12/01/2025

A Deputación de Pontevedra inicia este luns 13 de xaneiro as visitas que o servizo de vixilancia, inspección e control de xestión de residuos (SEVIC) realizará a establecementos comerciais de Silleda, un dos 16 concellos adheridos a este programa. Esta iniciativa busca axudar os gobernos municipais da provincia a cumprir as esixencias da nova lexislación en materia de residuos.

O obxectivo destas visitas, que se realizarán ao longo de tres semanas a uns 70 estabelecementos produtores de biorresiduos de Silleda, é que os establecementos comerciais da vila sexan parte activa na xestión responsable destes residuos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para os seus habitantes.

O persoal técnico da Deputación daralles resposta ás súas dúbidas e orientaraos sobre as mellores prácticas de separación e manexo axeitado dos residuos. Ademais, no marco das visitas tamén se recadará información para avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente sobre a correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións coa que garantir a súa recollida separada.

Actualmente son 16 os concellos da provincia adheridos a este servizo: Baiona, Barro, Bueu, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño. Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas que serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que teñen a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalízanse nunha acta e gozan da presunción de certeza a efectos probatorios.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.