Luis López adianta que a Deputación aprobará este venres destinar 250.000 euros ás cooperativas agrogandeiras da provincia

O presidente da Deputación remarcou o firme compromiso do goberno provincial co sector primario, “motor económico fundamental, vital para a economía e o emprego desta provincia e esencial para afrontar o reto demográfico e fixar poboación”

29/08/2024

Visita a Horsal en Cambados

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou, na visita que acaba de realizar a Horsal en Cambados, que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este venres destinar 250.000 euros ás cooperativas agrogandeiras da provincia. López, que remarcou o firme compromiso do goberno provincial co sector primario, foi recibido pola directiva de Horsal, encabezada polo seu presidente, Alberto Amil, e xerente, Fernando Veiga, con quen intercambiou impresións sobre a situación do sector e as diferentes liñas que a Deputación ten en marcha para modernizar, en palabras do presidente, un “motor económico fundamental, vital para a economía e o emprego desta provincia e esencial para afrontar o reto demográfico e fixar poboación”.

“Crieime no rural e sei como é o traballo que desenvolvedes, que estades as 24 horas dos 7 días da semana, os 365 días do ano, dando o mellor de vós para sacar adiante produtos excelentes, que chegan despois ás nosas mesas”, asegurou Luis López. Deste xeito, e co obxectivo de impulsar o sector primario, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, tal e como adiantou o presidente, aprobará este venres o reparto dos 250.000 euros de axudas ás cooperativas agrogandeiras da provincia. En total, segundo explicou López, son 14 cooperativas, entre as que se atopa Horsal,  de oito concellos as que se beneficiarán desta liña de axudas que se puxo en marcha atendendo as propostas e necesidades do sector primario e que, tal e como adiantou, terán un incremento de cara ao próximo ano.

No caso de Horsal, dedicada á produción e comercialización de hortalizas galegas, recibirá 29.000 euros da liña provincial de axudas a cooperativas agrogandeiras para adquirir unha envasadora e unha liña automática de pesaxe e etiquetaxe. “Será un plus en canto a competitividade e na procura da excelencia e innovación desta cooperativa que naceu en 1985, foi fundada por 16 agricultores, hoxe ten a máis de cen familias implicadas, e está a ser un gran referente no ámbito da horta atlántica”, subliñou o presidente.

Ademais da liña de axudas a cooperativas agrogandeiras, a Deputación de Pontevedra ten outros programas en marcha de apoio ao sector primario. Por unha banda atópanse os dous centros de investigación pioneiros: Areeiro, desde onde se investiga e fai fronte a pragas que afectan a cultivos agrícolas, e Mouriscade, desde onde se analiza e garante a produción de carne e leite de excelente calidade. Ademais, colabora con entidades como a Fundación Semana Verde de Silleda, Feira Deza, a Denominación de Orixe Rías Baixas ou a Ruta do Viño.

Galerias de imagenes