O goberno de Luis López reforza no seu primeiro ano de mandato na Deputación o servizo de Turismo para desestacionalizar e internacionalizar o sector así como impulsar a sostibilidade e a calidade

Lanzouse a campaña 100% Rías Baixas, que arrancou en Fitur onde a Deputación recuperou a súa participación no stand de Turismo de Galicia. Tamén se incrementou a asistencia a feiras turísticas nacionais e internacionais e estase a pechar o novo Plan Estratéxico de Turismo

04/07/2024

Luis López reforzou no seu primeiro ano de mandato na Deputación de Pontevedra o servizo de Turismo, liderado pola deputada Nava Castro, para desestacionalizar e internacionalizar o sector así como impulsar a sostibilidade e a calidade. Ao longo destes primeiros doce meses de goberno lanzouse a campaña 100% Rías Baixas, incrementouse a asistencia a feiras turísticas nacionais e internacionais, avanzouse na redacción do novo Plan Estratéxico de Turismo, impulsouse unha nova liña de axudas para atraer eventos deportivos, dotada con 100.000 euros, e pechouse o patrocinio da olímpica Teresa Portela como embaixadora da provincia polo mundo.  Tamén se traballou na potenciación do enoturismo, do Camiño Taverneiro, da Vía Mariana, dos Rías Baixas Fest e dos castelos de Soutomaior e Sobroso e estase a divulgar o patrimonio arqueolóxico a través de Trazas de Pontevedra.

A sostibilidade e a preservación dos recursos turísticos están a ser protagonistas deste mandato que iniciou hai un ano Luis Lopez. Neste aspecto, estase a levar a cabo unha tarefa de valorización do patrimonio natural e cultural, con especial énfase nos activos cuxa titularidade corresponde á Deputación, así como a embelecer contornas ou a apostar polo enfoque sostible do Camiño ao seu paso pola provincia. Ademais, neste ámbito aspírase a acadar unha sinerxía operativa tanto coa Estratexia de turismo sostible de España 2030 como coa futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

A internacionalización é outro dos grandes obxectivos do goberno provincial. Neste ámbito preténdese impulsar unha marca forte de destino que permita o fácil recordo por parte dos turistas, sobre todo a nivel internacional para abrir novos mercados e minimizar a dependencia do mercado nacional. Tamén está previsto desenvolver accións orientadas tanto á canle de comercialización como directamente ás persoas que nos visitan.

Ademais, ao longo destes doce meses a Deputación de Pontevedra regresou ao stand de Turismo de Galicia en Fitur, onde presentou a campaña 100% Rías Baixas. Ao igual que a Deputación tivo unha presenza activa na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid, tamén recuperou a asistencia a outros eventos do sector no estranxeiro como  a WTM de Londres. Do mesmo xeito tivo presenza no Forum Gastronómico da Coruña, en Turexpo de Silleda e asistiu por vez primeira ao Congreso Nacional de OPC (Organizadores Profesionais de Congresos) celebrado na Coruña, dando un paso importante para implantar o turismo MICE (de reunións, incentivos, congresos e eventos) na provincia de Pontevedra.

Tamén se está a traballar na creación de novos produtos enogastronómicos vencellados ao mar e ao interior e a experiencias singulares e desestacionalizadoras relacionadas coas costas, coa riqueza natural do interior, co legado do Camiño de Santiago, os elementos patrimoniais e culturais, así como outros atractivos singulares como a camelia ou o termalismo.  Ademais estanse a desenvolver e implantar políticas de xestión baseadas nos cinco eixos fundamentais dun Destino Turístico Intelixente como son a gobernanza, a innovación, a tecnoloxía, a xa mencionada sostibilidade e a accesibilidade.

A aposta no ámbito turístico do goberno de Luis López pasa tamén por divulgar a provincia de Pontevedra como territorio amable tanto para os que viven nela como para os que traballan ou a visitan. Deste xeito proxéctanse accións orientadas tanto a aquelas persoas traballadoras, como ás turistas ou á poboación local, sempre reivindicando o papel do turismo como motor económico e de progreso da provincia. 

Datos turísticos

A provincia de Pontevedra vive un excelente momento a nivel turístico e, desde a perspectiva da demanda, parte dun 2023 histórico. Conseguíronse recuperar, e mesmo superar, as cifras anteriores á pandemia e o sector, fortalecido, está a medrar a niveis superiores a 2019. Deste xeito, no 2023 os aloxamentos da provincia rexistraron un 8,30% máis de viaxeiros que no 2019; incrementouse o número de pasaxeiros que rexistrou o aeroporto de Peinador nun 12%; medrou un 30% o gasto turístico e un 3% en prazas hoteleiras respecto a antes da pandemia; e incrementouse o número de viaxeiros estranxeiros nun 21% máis que no 2019.

Tense evidenciado ademais un forte interese do destino Rías Baixas. No primeiro trimestre do 2024 rexistrouse un aumento no número de noites en hoteis, que subiu preto dun 15% con respecto ao 2023. Ademais, a cifra de viaxeiros no primeiro cuadrimestre de 2024 ascende a 326.072 persoas e o número de noites neste mesmo período foi de preto de 600.000.